Elecciones 12-J

O BNG axilizará a construción dun novo centro escolar no Porriño

Luís Bará, onte no acto do Bloque celebrado en O Porriño.
photo_camera Luís Bará, onte no acto do Bloque celebrado en O Porriño.
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, afirmou onte en O Porriño que este domingo hai que concentrar o voto das persoas que queren cambio en Galicia porque “canto máis BNG, menos PP”. Bará subliñou que lograr un tempo novo “está ao alcance da man” tendo en conta o ambiente e a ilusión que se está a notar na campaña electoral arredor da formación nacionalista: “Estanse alineando os astros para que teñamos a primeira presidenta da historia en Galicia, Ana Pontón”, subliñou.
O cabeza de cartel lembrou que hai 700.000 persoas indecisas e tamén unha tendencia de crecemento e un medre imparable do BNG. Fixo fincapé en que nestas eleccións o BNG ten dous grandes obxectivos: “derrotar dun golpe á dereita reaccionaria e insolidaria do PP e ao centralismo e a dependencia que nos afoga e que nos paraliza. E, en segundo lugar, facer historia poñendo á fronte do noso país unha muller nacionalista, a primeira presidenta da historia de Galicia, Ana Pontón, que co seu liderado potente, atraente e inclusivo é a alternativa real a Feijóo”.
No Parque do Cristo, Bará afirmou que o BNG está preparado para gobernar e coller o mando e a dirección do país cun proxecto propio, transformador, pensado dende e para Galicia e a súa maioría social que servirá “para rematar con este tempo de parálise do Parido Popular que converteu Galicia nun país co motor parado”.
En clave local, Bará fixo referencia a débedas históricas da Xunta na zona, como a variante da PO-510 en Budiño, a transferencia do tramo urbano da PO-331 –rúas Progreso e Bos Aires–, a construción dun novo centro de ensino de Infantil e Primaria, que o Sergas asuma a xestión da Unidade de Drogodependencias, ou o soterramento da liña de alta tensión en Torneiros.
Segundo dixo Bará, O Porriño “terá un goberno a favor” a partir do vindeiro 12-X. Destacou que fronte á inacción do goberno do PP, o BNG axilizará a súa colaboración para sacar adiante actuacións seguindo o modelo BNG. Insistiu, de feito, na necesaria intervención nas estradas de titularidade da Xunta, nas que é preciso realizar actuacións de seguranza viaria e de mellora da mobilidade peonil, así como nos centros de ensino público, dos máis antigos do país, nos que non houbo investimentos de importancia do goberno autonómico nos últimos once anos a pesares de que, por exemplo, o CEIP Fernández López precisa unha intervención integral. 

Te puede interesar