Un berro pola igualdade

Santiago Domínguez, Iolanda Veloso, Xabier Macías e María Méndez, onte na Casa das Mulleres.
O percorrido polas reivindicacións da muller en Galicia permanecerá en Vigo ata o 7 de marzo
Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro ou Juana de Vega compartiron algo máis que o xénero. Eran galegas e reivindicaban os seus dereitos como persoa dende a súa condición de muller. Foron as pioneiras da loita feminista en Galicia e coas que comeza o percorrido da exposición ‘Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres’, que onte se inaugurou en Vigo, na Casa das Mulleres. A investigadora Isabel Rodríguez Mate comisariou a mostra documental, organizada pola Fundación Sempre Galiza, e que contou co asesoramento de María Xosé Agra, Encarna Otero, Nanina Santos Castroviejo e a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Vintecinco metros de paneis percorren información dos arquivos de Nanina Santos Castroviejo, da revista ‘Andaina’; da Fundación 10 de Marzo; dos museos do Pobo Galego, o de Pontevedra e o de Massó. Textos orixinais, artigos e documentación gráfica abranguen doce bloques temáticos, que teñen na loita e consecución do sufraxio universal e a recuperación do movemento tralo franquismo, os aspectos centrais da mostra. Os paneis recollen momentos como a primeira defensa pública dende o sector académico do voto para a muller que correu a cargo de Salvador Parga no discurso de inauguración do curso 1870-71 da Universidade de Santiago de Compostela. Entidade que tería que agardar ata 1901 para ter a primeira muller entre os seus licenciados. Concepción Miranda, sindicalista, ou a xornalista Sofía Casanova son dous dos nomes que se recuperan da memoria colectiva dun movemento que segue vivo en iniciativas como a Marcha das Mulleres.

Te puede interesar