EDUARDO MÉNDEZ QUINTAS Arqueólogo, investigador da Universidade de Vigo e última intervención na Unidade de Cultura Científica de UVigo

“O Baixo Miño acolleu un dos paleolíticos máis africanos que houbo na península”

Eduardo Méndez fai excavacións en África e en Galicia. Colga a información en https://www.researchgate.net/profile/Eduardo_Mendez-Quintas.
photo_camera Eduardo Méndez fai excavacións en África e en Galicia. Colga a información en https://www.researchgate.net/profile/Eduardo_Mendez-Quintas.

  “Sabemos de onde proceden os primeiros habitantes de Galicia?”. Esa foi a pregunta que lle propuxeron ao arqueólogo e investigador Eduardo Méndez no último vídeo de “Unha cuestión de ciencia” na unidade proposta pola Universidade de Vigo para dar a coñecer os traballos que se realizan na institución e que difunden en redes. Méndez Quintas combina excavacións en Etiopía ou Tanzania con outras nas Gándaras ou no Baixo Miño (Porto Maior nas Neves e O Cabrón en Arbo). Falou para Atlántico sobre os estudos que inspiraron esta cuestión e que centran artigos que ven de publicar en revistas internacionais.

Mudou moito o coñecementos que había sobre o paleolítico galego?
Cambiou moito o que sabemos dos primeiros poboadores de Galicia. Ata agora a nosa arqueoloxía centrábase nos castros e nos petroglifos, e non se fixo nada das primeiras etapas. Defendeuse a idea dunha ocupación paleolítica tardía, xustificando un suposto retraso da zona que viría dende entón como se estivera aillada. Pero agora documentamos poboamentos de 300.000 anos de antigüedade que aportan explicacións a nivel continental.
Cal é pois a cronoloxía dos primeiros poboadores de Galicia?
No sur de Europa temos constancia dos primeiros asentamento hai 1,4 millóns de anos. En Galicia na Parandanta e no Baixo Miño hai depósitos con máis dun millón de anos e detectouse ocupación humana moi interesante a partir dos 300.000 anos. Non hai nengunha razón que nos faga  pensar que non hai pegadas máis antigas, o máis posible é que aínda non se atopara a localización.
Que xacementos deron esta nova información?
Nas Gándaras de Budiño hai un xacemento moi interesante, que se documentou nos 60 e se datou cunha antigüedade de 20.000 anos. Volvemos a traballar alí en 2018 e concluímos que esa non é a cronoloxía real, pensamos que debe estar nos 200.000 anos. Enviamos as probas a un laboratorio australiano e estamos á espera. No Cabrón, en Arbo, localizouse un asentamento coa última ocupación en  118.000 anos con ferramentas da tipoloxía achelense, unha tecnoloxía procedente de África. En Porto Maior, nas Neves, está constatada unha ocupación de hai 300.000 anos. Nun nivel de 210.000 anos atopouse un escenario único, cheo de bifaces, ferramentas feitas con pedras talladas polas dúas caras. Localizáronse acumuladas de xeito deliberado como só teñen aparecido en xacementos africanos, pero non no continente europeo. Esto reafirma a teoría da orixe africana dos primeiros poboadores, que desaparecen hai 100.000 anos.
Pódese dicir que o paleolítico galego é africano?
Tremendamente africano. O Baixo Miño acolleu un dos paleolíticos máis africanos que houbo na península.
O achelense do paleolítico galego é coetáneo co africano?
Non, o galego é máis tardío. En África ten unha antigüedade de 1,7 millóns; no 300.000, cando se usa aquí, alí xa non está. Non sabemos a razón. Todo apunta a que foron poboacións que entraron por Xibraltar, pero aínda é complexo.
Na súa intervención apuntou que isto tamén aporta novas probas sobre unha convivencia de dúas especies diferentes na península.
Do mesmo rango de idade que os xacementos do Baixo Miño, entre 400.000 y 150.000 anos, atopáronse na península uns con ferramentas feistas coa mesma tecnoloxía achelense, pero tamén outros cunha variante distinta, máis avanzada procedente de Europa que a partir do 100.000 está asociada aos Neanthertais. Con isto a idea que había ata agora de transición entre as dúas especies perde peso.n

Te puede interesar