vigo

As aulas xa teñen nome de muller

O director, Luis Vilán Crespo, deu a benvida ás invitadas do primeiro acto de “IES Teis camiña pola igualdade”.
photo_camera O director, Luis Vilán Crespo, deu a benvida ás invitadas do primeiro acto de “IES Teis camiña pola igualdade”.

O IES de Teis bautizou as 25 primeiras clases no programa “Camiña pola Igualdade” con alumnado e docentes

nnn O instituto de Teis ven de subir un chanzo na loita feminista. Así, onte bautizaron 25 aulas (quedan outras tantas) con nomes de mulleres relevantes en distintos ámbitos. No acto, que tivo lugar no salón de actos, estaba convocado todo o alumnado do centro e contou con tres invitadas especiais: Antía Cal, María Xosé Queizán e a neta de Ernestina Otero, Luisa Ocampo, as tres presentes no primeiro aulario feminista da cidade. “Agradezo este esforzo pola recuperación da memoria histórica e dende a perspectiva de xénero, porque precisamos referentes femininos para o empoderamento da muller”, afirmou Ocampo, quen lembrou a importancia que lle daba á cultura e á educación a súa avoa, directora da Escola de Maxisterio durante a República, represaliada durante o franquismo. Finalizou a súa intervención ao berro de “Viva a loita das mulleres! Viva a visibilidade!”
Precisamente, outra das invitadas, María Xosé Queizán recibíu este sábado o premio Ernestina Otero, outorgado polo Consello da Muller co gallo do 8M. Queizán sinalou á rapazada a importancia de que “as mulleres tomen a palabra” e lembroulles que tan só hai 50 anos que todas tiveron acceso á educación “por lei”. A escritora e activista deulles un consello: “Pasade ao público, non vos pechedes no fogar para facer un traballo infravalorado e gratuito do que se vai a aproveitar todo o mundo, tamén o Estado”.
A pedagoga Antía Cal, de 96 anos, fixo un esforzo para se dirixir tamén aos nenos. Contoulles que aínda que a súa familia era de Lugo, ela naceu en La Habana porque os seus pais emigrararan: “Aproveitade a oportunidade que tendes para aprender”.
Bertila Fernández, a presidenta de Foanpas, participou na inauguración das aulas con nome de muller: “É un xeito para aprender como visibilizar os logros das mulleres e defender os seus dereitos”, apuntou.
A modo simbólico, unha alumna (Sara) descubríu a placa do ximnasio, que dende onte pasa a chamarse Desirée Vila, quen se acaba de proclamar campeona de atletismo adaptado.
Tras un performance co eslogan do programa “IES de Teis camiña pola igualdade”, docentes e alumnos ensinaron ás invitadas as aulas que levan o seu nome. Así finalizaba unha xornada de concienciación que comezou coa presentación das mulleres escollidas aos alumnos. Para a ocasión, todos vestiron camisolas lilas (250) co lema do día.n

Te puede interesar