REACCIONES EN VIGO

Alexandra Fernández: ‘O BNG ainda non tocou teito’

A deputada electa do BNG, a viguesa Alexandra Fernández.
photo_camera A deputada electa do BNG, a viguesa Alexandra Fernández.
A deputada electa viguesa celebra o respaldo obtido na cidade
nnn Foi deputada no Congreso dos Deputados con En Marea e tras abandonar a política, en 2020 regresou ao seu fogar natural, o Bloque, ocupando o terceiro posto na candidatura provincial da formación frentista. A viguesa Alexandra Fernández volve a un hemiciclo como deputada electa, desta vez no Parlamento de Galicia, disposta a traballar arreo e contribuir para que o impulso do BNG no 12-X sexa “o punto de comezo, non un teito”.
Que sensacións ten pouco máis de 24 horas despois de que o BNG triplique a súa representación e sexa a segunda forza no Parlamento?
Por un lado estou contenta. É un resultado histórico e o comezo do cambio de Galiza cara a esquerda soberanista para 2024. Imos construir un proxecto que sexa alternativa nestes catro anos. Un dos nosos obxectivos era botar ao PP e aí non estou satisfeita, pero temos que traballar e consolidar este proxecto de cara ao futuro.
Tras coñecer os resultados, tanto vostede como a outra deputada electa viguesa, Carmela González, reiteraron que van levar os “problemas reais” ao Parlamento, cre que vai ser doado?
Os problemas seguen aí cun Partido Popular que goberna a Xunta. Estamos nun momento no que hai unha crise sanitaria con moitos efectos e temos que traballar en favor da xente e propor saír da crise sen deixar a ninguén atrás. Temos 19 deputados e queda un traballo inmenso por facer neste país, imos demostrar que os votos se poden proxectar nas políticas.
Nestas eleccións moitos votantes non nacionalistas apostaron por vostedes. Cre que é o camiño que deben seguir nestes catro anos?
Temos que seguir traballando e convencendo. Seguir sumando é un reto que poderemos acadar co noso traballo. Queremos construir un país moderno, á vangarda. Deuse unha onda de suma no BNG, grazas á militancia e aun liderazgo forte de Ana Pontón. Temos que sumar a todos aqueles que non nos votaron neste proceso imparable. Estes resultados son un punto de comezo, non un teito para o BNG.
Na súa etapa como deputada de En Marea coincidiu con membros de Galicia en Común, que opina de que non entren no Parlamento?
O proxecto que se iniciou con En Marea non é o de Galicia en Común. Hai un momento de ruptura na esquerda soberanista galega cando se votaron os presupostos no Congreso, con dúas posicións ben distintas. Desa ruptura nace un novo tempo para o soberanismo que está de novo ao redor do BNG. Os galegos querían un proxecto alternativo.
Como viguesa, como valora os resultados do BNG acadados na cidade con máis de 30.000 votos?
É un orgullo. Abriuse un novo ciclo para o soberanismo disputándose tanto nas cidades, como nas vilas e no rural. Os votantes miran de novo cara un soberanismo que encarna un partido galego e que pensa na mellor política para Galicia.n

Te puede interesar