Alberto Canal presenta o seu libro “Carolina” en Vigo

Alberto Canal.
photo_camera Alberto Canal.

Librouro acollerá mañá, ás 20 horas, un novo encontro entre lectores e autores. Nesta ocasión será a presentación da obra “Carolina”, de Alberto Canal, cun espectáculo de danza,  música e narrativa que pretende achegarnos dun modo orixinal as liñas dramáticas do relato protagonizado pola maquis Carolina Ernau.  

Farao convertida por un par de horas nun ‘inferniño’, en lembranza das trastendas das librarías onde, durante a época franquista, se trasfegaba con libros prohibidos, dado que esta temática é un dos fíos dramáticos que vertebran a narración. Segundo comenta o autor, “este é un xeito creativo de achegarse aos lectores e provocar neles unha emoción que os familiarice co contido e os protagonistas do relato. Tratamos de reproducir con luz de candeas ese ambiente clandestino das librarías de antano onde trasfegaban con libros prohibidos e recrear un escenario intimista que nos conecte co mundo dos libros en xeral e especialmente coa pegada que estes, ao longo da vida, van deixando en nós”.

En “Carolina”, Alberto Canal conta as peripecias que lle van ocorrendo ao xornalista Tomás Abilleira mentres, na compaña da enxeñeira octoxenaria Rosalía Mera, investiga a vida dunha maquis do Macizo Central que non quixo selo e que era unha gran amante dos libros, motivo polo que, tanto ela como a súa nai, a mestra Elvira, foron perseguidas.

Alberto Canal, nado na Merca en 1967, ten catro novelas no mercado e quedou finalistas en dúas ocasións dos Premios Xerais con “Conexión Tubinga”  e con “O amor nos escuros días de Birkenau”.

Te puede interesar