UNIVERSIDAD

UVigo ve en Carvalho Calero unha figura xenlleira da cultura galega

O Día das Letras Galegas na Universidade pechouse cun actuación de Zeltia Augusta e David Álvarez.
photo_camera O Día das Letras Galegas na Universidade pechouse cun actuación de Zeltia Augusta e David Álvarez.
No acto virtual interviron  a súa filla, a catedrática María Victoria Carballo-Calero, Camiño Noia, Aurora Marco, Fernando Ramallo, Pilar García Negro e o reitor, Manuel Reigosa

n n n A situación xerada pola expansión da Covid-19 fixo que o acto co que a Universidade de Vigo conmemora cada ano o Día das Letras Galegas fose neste 2020 algo diferente. A través do Campus Remoto, desenvolveuse un acto virtual que tivo como eixo central reflexionar sobre a figura do filólogo e escritor homenaxeado no presente ano, Ricardo Carvalho Calero, a través das verbas da súa filla, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, María Victoria Carballo-Calero, da profesora emérita da institución viguesa Camiño Noia, da ex-deputada e ex-profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro e da catedrática De Didáctica da Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela Aurora Marco. 
A través das súas intervencións neste acto, retransmitido en directo a través de UVigoTV, púxose en valor a traxectoria e a produción científica e literaria “dun dos persoeiros máis importantes da cultura galega, da nosa lingua e da nosa literatura”, como salientou o reitor, Manuel Reigosa, que despediu o acto desexando “mil primaveras máis para o galego”.
Xunto á mesa de debate, moderada polo director da Área de Normalización Linguïstica, Fernando Ramallo, e centrada, como destacou, nesta figura “poliédrica e así mesmo coherente e consistente cos seus principios e valores”, o acto conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, completouse coa presentación da nova colección e da nova imaxe do Servizo de Publicacións da Universidade. Así mesmo, esta conmemoración virtual do Día das Letras Galegas contou coa actuación musical do acordeonista David Álvarez Caneda e a fagotista Zeltia Augusta Pino, estudantes ambos da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

dignificar idiomas
O primeiro achegamento á figura de Carvalho Calero chegou a través das verbas de María Victoria Carballo-Calero, que destacou a entrega de seu pai, ao longo de toda a súa vida “á construción e elevación da cultura” en Galicia, así como “o seu rigor e honestidade no tratamento da lingua e da literatura galegas”. Nunha intervención en vídeo, expresou o seu desexo de que o recoñecemento que supón Día das Letras Galegas sirva en primeiro termo para que se coñeza e se lea a obra de seu pai, “enorme en extensión, ademais de moi variada”, xa que comprende poesía, teatro, narrativa e tamén a súa produción científica dedicada a lingua e literatura; unha obra, engadiu, xerada co propósito de que “dignificase a cultura galega e, sobre todo, a Galicia como país”.
As lembranzas de Camiño Noia e Pilar García Negro da súa etapa como alumnas do que fora catedrático da USC abriron un coloquio sobre o autor ferrolán. “Nas súas aulas podíamos captar a necesaria elevación que esta lingua merecía a través da escrita literaria e do seu uso académico”, salientou a ex-docente da UDC, editora do libro Ricardo Carvalho Calero: A ciencia ao servizo da nación. García Negro afondou tanto na produción artística como científica do escritor e incidiu na necesidade de reeditar a súa obra que, en boa medida, viu a luz en dúas editoriais que xa non existen. 
Tanto a ex-docente da UDC como Camiño Noia detivéronse en dúas “obras fundamentais” de Carvalho Calero,  como a súa Gramática elemental do galego, editada por primeira vez en 1966, e a súa Historia da literatura galega contemporánea, “unha obra magnífica”, como salientou Noia, que reclamou a súa reedición. Reivindicou a Carvalho Calero como un “galeguista íntegro e rigoroso”, como un home que “achegou moitísimo a cultura galega” e que se definía así mesmo como un “náufrago solitario”.
Esta reflexión completouse coas impresións recollidas en vídeo da investigadora Aurora Marco, autora da publicación “Foula e ronsel”. Os anos xuvenís de Ricardo Carvalho Calero (1910-1941), no que aborda o papel do autor homenaxeado como poeta, dirixente estudantil e como un dos fundadores do Partido Galeguista.

Nova faciana e novos contidos

Nunha edición na que, a situación xerada pola Covid-19, impediu a habitual entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade, o acto completouse coa presentación de diferentes novidades no Servizo de Publicacións da Universidade, da man do seu director, Jorge Luis Bueno, e da vicerreitora Mónica Valderrama. Por unha banda, a súa nova colección Esenciais, unha “aposta pola divulgación en galego”, na que se agruparán unha serie de “libros de pequeno formato", nos que expertos e expertas da Universidade proporán “concisas introducións a aspectos de diferentes ámbitos do coñecemento”, como explicou Bueno. Pola súa banda, Valderrama presentou os traballos, realizados desde a Área de Imaxe para “modernizar e actualizar a imaxe das publicacións da UVigo” e unificar o seu estilo gráfico a través da creación dun manual de estilo, así como a creación dun “código de cor” para distinguir as seis liñas de publicacións dun servizo que, desde a súa creación en 1993, ten editado máis de 300 títulos.

Te puede interesar