UNIVERSIDAD

Trinta multinacionais partiparán nas JAI 2020

As xornadas o ano pasado no vestíbulo da Escola de Enxeñaría industrial, no campus vigués.
photo_camera As xornadas o ano pasado no vestíbulo da Escola de Enxeñaría industrial, no campus vigués.
nnn A próxima edición das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial (JAI 2020) romperá os seus propios récords, pois tan só un par de semanas despois de abrirse o prazo de inscrición xa confirmaron a súa asistencia a este evento máis de 30 grandes multinacionais. 
A cita será na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial do 19 ao 23 de outubro de 2020, un centro que durante unha semana se converterá nun auténtico escaparate da denominada Industria 4.0. “Fixemos o chamamento ás empresas hai apenas unhas semanas e a resposta foi brutal. En só  15 días copáronse todas as prazas”, explica o coordinador das xornadas, José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, que achaca esta boa acollida do evento entre as empresas ao éxito da última edición, celebrada en marzo de 2018, e ao gran traballo de difusión que se fixo dende entón.
Entre a trintena de multinacionais que xa confirmaron a súa participación hai que incluír tanto novas incorporacións -Bonfiglioli, Ifm, Lapp, Panasonic, Pepperl+Fuchs, Schunk, Weidmüller ou Yaskawa, entre outras- como firmas que son xa veteranas no evento como Rockwell Automation, Scheneider Electric, Siemens ou Phoenix Contact. 
O amplo número de solicitudes recibidas en tan pouco tempo obrigou á organización  a abrir unha lista de agarda de firmas ás que tamén lles gustaría participar. “Outros anos quedaron ocos libres e isto permitiu a participación nas xornadas de empresas e centros tecnolóxicos galegos, pero nesta ocasión as multinacionais ocuparon xa todas as prazas dispoñibles”, recalcou Armesto.
Á vista de toda a expectación que se está a crear arredor destas xornadas, as expectativas de público son tamén cada vez máis elevadas. Se na anterior edición foron arredor de 700 persoas as que acudiron ás distintas conferencias e en torno a 2000 as alumnas e alumnos que se achegaron aos postos empresariais que se organizan ao abeiro deste encontro “este ano  agardamos que os números medren porque vai haber máis ruído, máis impacto”. 
O programa das xornadas está centrado en diferentes cuestións relacionados coa Industria 4.0, e inclúe temas de robótica, automatización, internet das cousas, comunicación industrial, protocolos de comunicación, seguridade, eficiencia enerxética... xa que todas as empresas que participan están “desenvolvendo traballos no ámbito da automatización e a robótica industrial”, salienta o coordinador. Porén, aínda que a reserva de horas está xa pechada, aínda non se sabe con exactitude o nome dos poñentes que van participar nin o título das súas intervencións. Neste sentido, Armesto explica que o pasado 26 de novembro, na feira SPS de Nuremberg, as multinacionais expuxeron todas as súas novidades de cara ao vindeiro ano e, “probablemente, por aí van xirar as cousas, aínda que de momento nada é seguro”, recalca Armesto.
As xornadas acollerán un ano máis o seu coñecido ‘show room’, un espazo no que os diferentes fabricantes expoñen as últimas novidades e que este ano durará dende o luns ata o mércores. Ademais, como novidade desta edición, vanse pór en marcha toda unha serie de reunións privadas baixo a denominación ‘link2talk’. n
 

Te puede interesar