UNIVERSIDAD

Todo o alumnado do curso Icemar terá acceso a prácticas en empresas

A investigadora Maruxa Álvarez.
photo_camera A investigadora Maruxa Álvarez.
A alianza con novas empresas e institucións do sector marítimo facilitará este ano que todo o alumnado matriculado no Curso de especialista en innovación, competitividade e emprendemento en torno ao mar, Icemar, poida realizar prácticas curriculares en empresas do sector, o que a xuízo dos organizadores, lles vai permitir tanto facilitar a súa entrada no mundo laboral como coñecer de primeira man as principais empresas galegas relacionadas  con este sector. As clases arrancan o vindeiro xoves día 16, se ben as persoas interesadas aínda teñen de prazo ata esta fin de semana para inscribirse.
“A actividade non so lle permite ao alumnado completar o seu currículo universitario en disciplinas que facilitan a súa inserción en algún dos moitos sectores que se desenvolven en torno ao mar, senón que ademais facilita metodoloxías e ferramentas  para axudarlles a planificar activamente a consecución dos seus obxectivos profesionais, permitíndolles identificar intereses, habilidades, valores e características persoais que melloren a súa empregabilidade”, explica a directora, a profesora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, Maruxa Álvarez, quen tamén explica que unha das súas maiores ilusións é que este programa formativo non só achegue valor ao alumnado que participa nel, senón que todas as empresas colaboradoras se vexan dalgún modo beneficiadas.
O curso, de seis meses de duración, está dirixido tanto a alumnado de último curso como a titulados da UVigo ou profesionais relacionados ou con interese no campo da economía azul, un ámbito que recoñece a importancia dos mares e océanos como motores principais polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento. 
A actividade conta con 425 h de formación teórico- práctica, as cales se dividen entre talleres formativos, actividades ao aire libre, visitas a institucións e empresas relacionadas co sector do mar, visitas a feiras,etc. 
A maiores, este ano cóntase con unha novidade, a incorporación de 205 horas de prácticas curriculares que serán realizadas en empresas e institucións de interese do alumnado.
 

Te puede interesar