UNIVERSIDAD

Unha tese pide unha nova lei para o deseño industrial ‘non rexistrado’

Sara Louredo.
photo_camera Sara Louredo.
Certos sectores industriais, como a moda, a tecnoloxía ou os xoguetes, ofrecen cada ano no mercado unha gran cantidade de produtos cuxo ciclo vital é tan reducido que fai que non mereza a pena tramitar unha solicitude formal de rexistro de deseño industrial.
Para estes casos está pensado a figura do deseño ‘non rexistrado’, que permite obter por un período de tres anos a protección dun deseño desde que sae ao mercado, sen ter que efectuar ningún trámite administrativo nin pagar  taxas. Esta figura do dereito da propiedade industrial, o deseño ‘non rexistrado’, foi na que centrou a súa tese de doutoramento a investigadora viguesa Sara Louredo, profesora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, quen salienta que este dereito, xunto coas marcas e as patentes, pretende protexer as creacións intelectuais que se aplican á industria, sobre todo naqueles sectores que fabrican obxectos con ciclos de vida curtos. “No caso do deseño o que se tutela é a aparencia dos obxectos, a súa forma, cores, textura, ornamentación... pois isto ten unha importante incidencia nas eleccións dos consumidores”, apunta a investigadora, quen o vindeiro martes recibirá por esta investigación, dirixida polos profesores Anxo Tato e Pablo Fdez Carballo-Calero, o Premio Extraordinario de Doutoramento na cerimonia de San Tomé de Aquino. A día de hoxe esta figura xurídica non está recollida na lexislación española, senón que o que se fai é aplicar de xeito directo o artigo 11 do Regulamento nº6/2002 sobre deseño comunitario e, nisto se centra a principal conclusión da tese de Louredo, que recalca o feito de que esta lexislación non é pechada, senón excesivamente aberta e inconcreta en cuestións importantes como a propia definición de deseño e a súa posible acumulación cos dereitos de autor.n
 

Te puede interesar