VIGO

José Montero presenta candidatura ao decanato de Filoloxía e Tradución

José Montero Reguera.
photo_camera José Montero Reguera.
 Tras varias convocatorias sen que se presentase ningunha candidatura, a Facultade de Filoloxía e Tradución elixirá o vindeiro martes novo decano e farao tras presentarse ao cargo o catedrático de Literatura española, José Montero Reguera, para quen esta non será a súa primeira experiencia á fronte do centro, xa que xa exercera como decano en funcións en tres ocasións anteriores, a última hai catro anos, cando fora nomeado polo reitor tras varias convocatorias electorais ás que non se presentara ningunha candidatura. “A situación de agora non é moi diferente da de entón, de novo volveu haber varias convocatorias sen éxito, pero a Facultade de Filoloxía e Tradución atópase nun momento de grandes retos e desafíos, e entendín que todos podemos axudar nestas circunstancias, aínda máis os que por rango, antigüidade e experiencia temos ocupado ou ocupamos cargos de xestión universitaria”, explica Montero, quen na actualidade ocupaba o cargo de director do Departamento de Literatura española e teoría da literatura.
Xunto a Montero Reguera, recoñecido experto en Cervantes, forman parte desta candidatura a profesora titular de Lingua Española, Inmaculada Anaya, como vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade; María Seijas, profesora titular de Historia Moderna, como vicedecana de Calidade; Xosé Soto, profesor titular de Filoloxía Galega, como vicedecano de Organización Académica e Profesorado; Beatriz Rodríguez, profesora contratada doutora de Tradución e Interpretación, como vicedecana de Relacións Internacionais, e Miguel Cuevas, profesor contratado doutor de Lingua Española, como secretario do centro. “É un equipo que mestura xuventude e experiencia, longas traxectorias xa como xestores e investigadores, con gañas de traballar e ilusión por afrontar os retos”.
Como puntos principais do seu destaca a necesidade de dirixir os procesos de reforma de graos que teñen enriba da mesa, xestionar o día a día e amosar á sociedade o traballo e investigación que fan.
 

Te puede interesar