VIGO

O Foro Tecnolóxico de Emprego cumpre 20 anos con novidades

Foto de familia dos estudantes que coordinan o foro.
photo_camera Foto de familia dos estudantes que coordinan o foro.
Os vindeiros días 4, 5 e 6 de marzo as tres escolas de enxeñaría do campus abren as súas portas a  unha nova edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, unha actividade que este ano cumpre 20 anos e que chega repleto de novidades, pero co mesmo obxectivo co que naceu: abrirlle as portas ao mundo laboral ao alumnado das titulacións tecnolóxicas e axudalos a orientar os seus estudos. “Un ano máis queremos ofrecerlle a estes estudantes a posibilidade de relacionarse con diferentes empresas do sector, entregar o seu currículo, ensinarlle os mellores xeitos de afrontar unha entrevista de traballo ou  como deixar a un lado o medo de adentrarse no mundo laboral”, explica Candela Janeiro, estudante da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación que, tras varios anos formando parte da organización, este ano asumiu a coordinación xeral dun foro, “organizado por e para o propio alumnado”. 
 O pasado ano contouse cunha actividade de ‘speed recruiting’ como novidade; un recrutamento rápido no que o alumnado dispón de dous minutos para falar con unha empresa e, ao rematar, pasar á seguinte. 
Este ano hai varias novidades,  aos dous obradoiros pre-foro existentes engadíuselles un máis sobre como afrontar unha entrevista de traballo e outras actividades con información variada sobre os distintos procesos de selección das empresas.  “A nosa idea é ir completando a formación dos estudantes para que cheguen preparados ao día do evento”, salienta.
Tamén como novidade as temáticas das conferencias e talleres deste ano foron escollidas polo alumnado das escolas, o que consideran que axudará a aumentar a participación nas charlas, e a recollida dos CV fíxose en liña para axilizar o proceso (o ano pasado foron 1500), sen esquecer a axuda ofertada por un dos patrocinadores no tema da reciclaxe. “Este é un evento creado polo alumnado e para o alumnado, a nosa intención é crear un evento profesional, mantendo a nosa identidade, somos xente nova con ganas de medrar profesional e persoalmente”, recalca Janeiro.
Empresas como Optare, Deloitte, Brainport, Cortizo, os diferentes colexios profesionais, Indra, Televés, R, Altia, Pescanova ou Finsa, entre outras, son xa veteranas no foro, e a elas súmanse novas incorporacións como o grupo Oesía, GBTec, Egatel ou PWC, en total hai confirmadas arredor dunhas 40 firmas.
 Ademais, no que se refire aos patrocinadores do evento, este ano hai que engadir a Frutas Nieves e Redivivus.n

Te puede interesar