UNIVERSIDAD

Crean unha aplicación móvil que ensina as leis de Mendel e a selección natural

n n nSnailRain é ciencia para divertirse e para levar no peto. Trátase dunha aplicación móbil desenvolvida por investigadores da Universidade de Vigo co obxectivo de divulgar e educar sobre o funcionamento da selección natural, as leis de Mendel e a influencia do hábitat e os seus predadores sobre o xenotipo dunha poboación.
A creación deste xogo enmárcase nun proxecto de investigación estatal liderado polo catedrático Emilio Rolán e o profesor Antonio Carvajal, ambos do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía. O propio Rolán explica que SnailRain “amosa como unha poboación de caracois se adapta á selección natural”, mentres que o hábitat no que viven e a súa configuración xenética condicionan a probabilidade de supervivencia ante o depredador. Ese papel de depredador que trata de matar caracois é o que desenvolve o xogador, que elimina os gasterópodos co dedo a medida que estes caen da parte alta da pantalla simulando distintos hábitats.
O catedrático lembra que toda a súa carreira académica se centra “en entender a teoría evolutiva, empregando para isto diferentes organismos modelo”. Nos últimos anos, tras establecer colaboracións con colexios e institutos, puido comprobar como “a teoría evolutiva, un dos piares da ciencia moderna, practicamente non é explicada ou éo de xeito incorrecto no sistema educativo básico”. Neste sentido, embarcouse na creación de iniciativas que permitan mellorar a divulgación da ciencia entre nenas e nenos e entre os adolescentes, empregando as novas tecnoloxías para ofrecerlles “algo divertido pero que, colateralmente, poida ter un valor educativo”. Así naceu SnailRain, como un dos resultados do proxecto Causas e consecuencias da evolución da preferencia na elección de parella en poboacións naturais, unha iniciativa de catro anos de duración e un financiamento de 128.000 euros, “que para ser ciencia básica en España é bastante”.
 O proxecto, que rematará en decembro de 2020, ten como obxectivo principal desenvolver técnicas e ferramentas para o estudo do carácter da elección de parella e tratar de entender como este carácter evoluciona.n

 

Te puede interesar