UNIVERSIDAD

Carta á comunidade universitaria

El rector Manuel Reigosa, en su despacho del campus.
photo_camera El rector Manuel Reigosa, en su despacho del campus.

Nestes momentos, toda Europa comparte unha prioridade absoluta: atallar os contaxios debidos ao coronavirus. Ata o de agora, seguindo as recomendacións sanitarias, non semellaba preciso tomar medidas como as que estamos a tomar, pero imos proceder ao peche dos centros co fin de que todas e todos permanezamos na casa, evitemos saír á rúa, agás para o que sexa imprescindible, e sigamos sempre as precaucións que promovemos desde o inicio (e que podedes atopar na nosa web que iremos actualizando coa información institucional, a do Sergas e Sanidade.
Espero de vós que sexades exemplares en cumprir todas estas recomendacións e que, na medida do posible, tentedes que as persoas que vos rodean sexan tamén conscientes da importancia de diminuír o nivel de contaxio. Dito isto, que é o máis importante, quero comunicarvos que o equipo de goberno está a traballar xunto cos actores implicados no funcionamento da Universidade para minimizar, na medida do posible, os danos que se van a causar nos labores docentes, investigadores e de xestión.
Docencia
Aínda sería precipitado promover medidas drásticas para salvar o curso académico, como pode ser a modificación do calendario académico. Seremos prudentes e iremos avaliando o escenario para, unha vez pasada a crise, atopar unha solución. Pero a día de hoxe, se pensamos nun peche probable de actividades docentes de dúas a tres semanas, solicítolle ao profesorado que reconsidere o resto do cuadrimestre e reorganice a actividade docente, primando durante este período o traballo individual do estudantando titorizado a distancia.
Obviamente, naqueles casos nos que o profesorado utiliza a plataforma de teledocencia FAITIC, deberíanse poder propoñer algunhas actividades que substitúan, na medida do posible e sequera parcialmente, as actividades presenciais previstas para estas semanas. Algunha bibliografía adicional, se é preciso, algún traballo novo que poida asegurar que o estudantado pode seguir aproveitando o tempo na súa casa para avanzar na materia… e, sobre todo, unha reformulación razoable das guías docentes nos casos nos que sexa necesario.
Tamén é especialmente importante unha comunicación co estudantado que lle faga ver que, seguindo os pasos marcados, vai ter éxito na materia correspondente. Sería desexable que, nos casos nos que haxa que facer modificacións nas guías docentes, o coordinador ou coordinadora de cada materia lle faga chegar os cambios á dirección do departamento e do centro correspondente vía correo electrónico, para que quede constancia dos cambios que se van ter en conta nos procesos de docencia e de avaliación, se os hai.
Para o PDI que non estea utilizando a plataforma de teledocencia FAITIC, poranse á súa disposición, por se o necesita, salas virtuais nas cales poderá dar clases síncronas (recomendamos que sexan de máximo media hora). Para a súa utilización, publicaremos durante a semana un titorial. Son bastante doadas de utilizar. Obviamente, tamén pode utilizarse o envío mediante correo electrónico, as páxinas web ou outras ferramentas que habitualmente utilice este profesorado. Recomendamos, a estes efectos, a lectura do extracto do documento CRUE – TIC que compartimos hoxe nas redes. Durante o período de peche, o equipo preparará distintos escenarios por se fora preciso incluír medidas máis profundas, que serían postas en marcha tras negocialas cos centros e cos departamentos.

Investigación e transferencia
Obviamente, a investigación é un piar básico en calquera universidade de calidade como é a nosa. E a transferencia ten un valor extraordinario a través do cal lle devolvemos valor á sociedade que nos apoia. Neste senso, a resolución que asinei hai unhas horas indica que, con carácter xeral, se substitúe toda a actividade neste eido pola súa alternativa non presencial. O que intentamos é que os investigadores e investigadoras non actúen como factor de contaxio. Por suposto, para evitar que se perdan experimentos en marcha, naquelas investigacións experimentais iniciadas, poderase acceder aos centros con tarxeta, pero pídovos que só o fagades para casos realmente xustificados, durante o tempo mínimo que poidades e sendo especialmente escrupulosos e escrupulosas coas medidas anticontaxio. Estou convencido de que seredes solidarios e solidarias co esforzo que nos demanda a sociedade e faredes bo uso das recomendacións.

Persoal de administración e servizos
Nas xuntanzas do vindeiro luns queremos establecer os servizos mínimos do PAS. Obviamente, o obxectivo primordial é evitar os contaxios. Pero si é certo que imos precisar servizos mínimos, en particular para reforzar a atención telefónica e por medios telemáticos. Como estas actividades se poden facer desde o domicilio, penso que lle podemos ofrecer unha boa oferta á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral.

Estudantado
Ao igual que co resto da comunidade universitaria, teño a esperanza de que teñades moito coidado e sigades todas as recomendacións sanitarias. Espero tamén que prestedes atención ás recomendacións dos vosos profesores e profesoras no que atinxe ás materias que esteades a cursar.

Seguimento local da pandemia
Como xa sabedes, se tedes síntomas de estar infectados, debedes permanecer na casa e chamar aos servizos sanitarios que vos indicarán cales son os pasos que debedes seguir. Pero tamén nos gustaría facer un seguimento dos contaxios entre o noso persoal. A estes efectos, pídovos que, no caso dalgún contaxio, lle comuniquedes o positivo á universidade mediante un correo electrónico a [email protected]. Aínda que estou seguro de que as autoridades sanitarias farán todo o que é preciso para seguir os procedementos, gustaríanos poder informar os vosos compañeiros e compañeiros de clase e de centro, se existen casos positivos. Todo isto farémolo seguindo a normativa de protección de datos.
Grazas a todas e todos pola vosa comprensión e colaboración.n

Te puede interesar