Blonde: deconstruíndo o mito

Blonde
photo_camera Blonde

En 1962, pouco despois da morte de Marilyn Monroe, Pier Paolo Pasolini dedicoulle un poema que foi cantado por Laura Betti. Ao ano seguinte, a poesía aparece na película de arte e ensaio La rabbia. A poesía é unha oda melancólica sobre a crueldade do mundo que rouba á actriz a súa beleza e a inocencia para cousificala. O de Pasolini non é o único caso no que a actriz –e o seu mito- se converteu en fonte de inspiración. Moi coñecido é o relato Una hermosa creatura, no cal o escritor Truman Capote mantén un diálogo fantasmal coa actriz. Varias reflexións poéticas poden atoparse tamén no libro Marilyn Revisitada, máis aló da célebre biografía con imaxes de Normal Mailer e Bert Stern ou das outras investigacións que se centran en determinados períodos da vida de Marilyn.

A novela Blonde de Joyce Carol Oates é o volume que serviu de referencia para este relato cinematográfico de Andrew Dominik, estreado hai pouco en Netflix. Inspirado na vida de Marilyn, Blonde mantén, do biopic tradicional, só a estrutura temporal horizontal do formato. A película de Andrew Dominik é, acorde coa novela, un retrato ficticio da modelo, actriz e cantante Marilyn Monroe (Ana de Armas). Sucede durante os anos cincuenta e sesenta e está contada a través da mirada da súa protagonista a través dunha sucesión de episodios anecdóticos.

Intentar discernir o dato real da biografía ficcionada é un exercicio estéril. Na película aparecen escenas amplamente documentadas. Entre outras, as da gravación na trampilla do metro de La tentación vive arriba (1955) ou as que se refiren a rodaxe de Con faldas y a lo loco (1959). Pero emitir un xuízo absolutorio ou menos, limitándose a evidenciar a adherencia do relato cinematográfico ao dato real, como no caso do recente Elvis de Baz Luhrman, afástanos de penetrar no sentido profundo da obra. Andrew Dominik, ao igual fixo Joyce Carol Oates, elixe contarnos a esencia da historia do personaxe a través do seu punto de vista, na súa disociación entre o “sex symbol” (Marilyn Monroe) e a persoa (Norma Jean Mortenson). Máis aló das probas reais de maltratos físicos e mentais que se repiten ao longo do filme, a través desas ficcións o director intenta achegarnos ao universo emocional dunha muller que foi realmente abusada. A linguaxe utilizada é un especie de pastiche. Hai transicións abruptas do branco e negro á cor, diferentes formatos de pantalla, desenfoques e os longos planos secuencias que se contrapoñen á montaxe típica dun videoclip. É unha estética que guía ao espectador no universo íntimo da protagonista.

Marilyn Monroe foi unha muller cun carácter feminista que non sobreviviu á explotación do seu propio personaxe. Desde este punto de vista, o filme de Dominik podería ser un intento máis de cousificación dun cadáver exemplar da industria do entretemento. Igual ao que pasou con Presley no Elvis de Baz Luhrman, coa diferencia que en Blonde o punto de vista non é o do Coronel explotador, sino da vítima. E que o director, en pasado, xa demostro interese en deconstruír mitos e lendas americanas.

Por suposto, ao espectador quédalle sempre a última opinión sobre unha película de case tres horas chea de altos e baixos, con secuencias moi logradas a nivel simbólico e formal como a xa citada escena da trampilla -ou a do encontro con JFK- e outras, como a do diálogo co feto, que rozan o ridículo. Blonde é unha película non conciliadora e grotesca, enriquecedora quizais máis ben polo debate que xerou nestes días que pola obra en si mesma. Quédome coas palabras de Pasolini, un autor que entendeu, xa no 1962, a relación tóxica da industria do espectáculo coa beleza, e que con Blonde queda ben fotografada: “Entre ti e a túa beleza, / posuída polo poder / atópase toda a estupidez / e a crueldade do presente”.

Te puede interesar