Sociedad

O berce do galego xudicial

Sociedad

Sociedad

O berce do galego xudicial

Exterior do actual Xulgado de Celanova que, no ano 1995, tiña a súa sede no edificio da Praza Maior.
photo_cameraExterior do actual Xulgado de Celanova que, no ano 1995, tiña a súa sede no edificio da Praza Maior.
A vila de San Rosendo capitaneará este mes de xullo unha nova loita pola normalización lingüística do galego no eido xudicial, no ano no que se cumpren 25 anos de completarse, neste xulgado, o primeiro expediente desenvolto integramente en galego.

A mediados de xullo celebrarase en Celanova o acto de conmemoración do 25 aniversario do primeiro expediente xudicial desenvolto integramente en galego. Unha "experiencia piloto" liderada no ano 1995 polo xulgado celanovés, tal e como describía daquelas o xornalista Antonio Piñeiro nesta mesma cabeceira, para a normalización do uso do galego dentro da administración de xustiza. 
Vinte e cinco anos despois, a situación que pasa o galego na administración de xustiza é "esperpéntica". Así o valoraXosé González Martínez, presidente do Foro Enrique  Peinador e membro da secretario da Irmandade Xurídica Galega, quen lidera a organización deste acto previsto para as doce do mediodía no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción de Celanova. "Hai unha gran tradición xurídica documental en galego e, con todo, as novas xeracións descoñéceno. Nas facultades de Dereito non se ensina nada disto", subliñaba González Martínez quen asegura que, en pleno século XXI, "o número de resolucións en lingua galega non superan o 5% do total das emitidas".
Ourense, e especialmente a vila de Celanova en parte pola herdanza do seu fundador Rosendo Gutierrez e da súa nai Ilduara Eiriz, conta cunha gran cantidade de documentación xurídico-medieval en galego. Por iso é polo que non fose casualidade que xurdise desta vila o desenvolvemento deste primeiro expediente íntegro en galego, nin que Celanova fose a berce da constitución, no ano 2008, da Irmandade Xurídica Galega. Neste senso, Martínez González destacaba tamén a aposta dun grupo de profesionais da avogacía da vila, que levan o galego como bandeira tamén diante da Xustiza. "Tendes 2-3 avogados que usan o galego, unha proporción que non se dan en outras vilas galegas", destacaba González Martínez.

Declaración de Celanova
O edificio xudicial situado no número 4 da Praza de Cervantes, popularmente coñecida como Praza das Pitas, acollerá o vindeiro 16 de xullo o acto que consistirá no descubrimento dunha placa conmemorativa do 25 aniversario. Acto seguido, e coa participación musical de María do Ceo, está previsto que se leve a cabo a firma da bautizada como Declaración de Celanova.  A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a Irmandade Xurídica Galega están a traballar para que, cando menos os alcaldes e alcaldesas do Partido Xudicial de Celanova, apoien publicamente o seu compromiso coa lingua galega perante os órganos xurisdicionais, rexistros e notarías. "Polo momento confirmaron a súa participación 33 rexedores da provincia", subliñaba González, quen espera que esta semana sómese algún máis. 
O documento defende que o uso do galego está amparado pola normativa vixente e compromete aos presidentes das Corporacións asinantes no uso da lingua galega nos escritos que formen parte dos procedementos procesuais perante todos os órganos xurisdicionais da Administración de Xustiza, que fagan o propio os avogados que representen ao Concello nas distintas causas e mesmo demandarán das notarías o uso da lingua galega nos protocolos notariais promovidos pola Administración Local.n

Más en Sociedad
Comentarios