mundo

O amigo ourensán de Olof Palme

Elixio Rodríguez ollando ó horizonte do seu pasado dende a súa casa de Bande no mes outubro de 2002.
photo_camera Elixio Rodríguez ollando ó horizonte do seu pasado dende a súa casa de Bande no mes outubro de 2002.
 Elixio Rodríguez, o aviador republicano de Bande -hoxe tamén falecido- mantivo unha intensa, aínda que curta, relación de amizade a finais dos anos corenta co asasinado mandatario sueco, cando ámbolos dous coincidiron en México

O día 28 de febreiro de 1986, a tranquila e ordenada sociedade sueca e por elevación a comunidade política mundial, víronse zarabatidas por unha loitosa nova que correu polas redaccións do mundo coa mesma velocidade coa que dúas balas dunha Magnum 357 acababan de dar cabo da vida do admirado primeiro ministro sueco, o socialdemócrata Olof Palme.
Mentres, nunha casa familiar da colonia de Lindavista, na populosa cidade de México, un xa serodio, pero aínda magro e enxuto ourensán, recibía os impulsos informativos de alcance que salferían os telexornais dende tan alonxado lugar nunha clave completamente persoal, que lle facían remexer a bile dos sentimentos ó mesmo tempo que lle devolvían á memoria os afectos dun tempo ido, pero que se mantiñan presentes e activos no seu interior.
Elixio Rodríguez, que así se chamaba o anónimo receptor de tan universal teletipo, nacera ocasionalmente en Grou (Lobios), pero toda a súa infancia e xuventude transcorreu no Bande maternal, onde un día fatal do mes de agosto do 36, logo de terse formado como piloto de aviación militar, foi sinalado por unha parella da Garda Civil desafecto ó réxime e foi detido no propio local das Mocedades Galeguistas de Bande e levado ó mosteiro de Celanova, onde comezou para el unha odisea que está contada nun libro autobiográfico de moi recomendable lectura que se titula "Matádeo mañá" e onde Elixio relata con pelos e sinais toda a súa peripecia vital e as súas sucesivas fuxidas da morte, e que o levou a fuxir cun avión do "bando nacional" ó "bando republicano", a cruzar a fronteira cara Francia e recalar finalmente no famoso buque "Ipanema" no que tantos e tantos españois republicanos atoparon o amparo da liberdade no México do sempre lembrado e nunca ben agradecido Lázaro Cárdenas.
Nese México acolledor e aperturista foi onde a casualidade quixo que coincidiran, alá polo ano 1948 (con Elixio xa asentado no Distrito Federal, abríndose paso como emerxente home de negocios), o propio Elixio e un mozo ben máis novo ca el, chamado Olof que acababa de rematar os seus estudos nos Estados Unidos e ocasionalmente se puxera a traballar nunha empresa de ferruxería e aceiros propiedade duns tíos seus, tamén suecos, que levaban anos establecidos no país caribeño e hoxe contan cun grupo industrial asentado en todo México.
Foron moitos os persoeiros que logo o tempo acabou instalando nalgunhas páxinas principais da historia universal, cos que este ourensán de condición humilde, pero de grande humanidade, tivo relación ó longo do seu periplo vital mexicano.
Nomes coma Mario Moreno "Cantinflas" -co que mantivo incluso negocios no restaurante-teatro Folies Bergère-, ou Raúl e Fidel Castro, así coma o Che Guevara -"uns enigmáticos mozos cubanos" cos que contactou no Café Madrid a través do coronel español de aviación, Alberto Bayo, e que quixeron levalo con eles cando souberon da súa condición de experimentado aviador na Guerra Civil española-, sen contar loxicamente con toda a diáspora exilada galega coma os seus veciños Carlos Velo e Luís Soto, así como Delgado Gurriarán e tantos outros cos que acometeron a empresa editorial da revista "Vieiros" no marco do "Padroado da Cultura Galega", todos formaron parte do seu lonxevo hábitat humano (Elixio faleceu en México o 9 de xullo de 2007 ós 97 anos), sen embargo poucos foron quen de atravesaren a febra dos afectos coma aquel "meu xove amigo" co que inicialmente procurou unha relación interesada ó comezo, "chegou a ser ampla e sincera", pero truncada no tempo cando o "mozote" decidiu volver para Suecia e iniciar unha vida política xa coñecida. 

Unha amizade que case comezou por intereses de negocios, pero acabou “ampla e sincera"

Cando a vida de Elixio e a súa muller, Gloria, comezou a se afastar da primeira liña de traballo e lles deron paso ós fillos á fronte da empresa, o matrimonio comezou a compartir a súa estadía entre os invernos -que son veráns- de México e os mornos veráns de Bande, podendo viviren así nunha especie de idílico verán permanente.
Entre as moitas conversas que mantivemos ó longo de todos eses anos dende a publicación do seu libro no ano 1994, no que tiven a oportunidade de acompañalo á cela na que estivo preso no mosteiro de Celanova no ano 1936, conservo a gravación dunha mantida a tres bandas con el e coa súa muller, Gloria, no mes de outubro de 2002, na que Elixio relata, non só a súa relación cun moi novo Olof Palme, senón tamén o remorso que lle quedou por non poder axudalo cando decidiu volver para Suecia.
Un dos persoeiros históricos dos que me ten falado algunhas veces e cos que tivo contacto en México, foi con aquel que sería, co tempo, o primeiro ministro de Suecia, Olof Palme. ¿Cómo foi aquela relación?
Gloria: Yo creo que eso fue antes de tu relación con el grupo de Fidel y El Che.
E. R.: Creo que si, que foi antes. Foi cando eu estaba no Teatro, ¿Non? Olof Palme era sobriño dunha madrileña e dun sueco apelidado loxicamente coma el, que xunto cun irmán tiñan unha ferretería moi grande que levaba o nome familiar, Palme. Eu, daquela, traballaba nun servicio de provisión de material para o goberno mexicano e polo tanto tiña un contacto comercial con distintas ferreterías de grandes dimensións, como era a dos Palme. Aí foi onde iniciamos unha relación que acabou sendo de moita amizade. El era bastante máis novo ca min e, polo que me contaba, parece ser que non o trataban moi ben, sobre todo os seus tíos. A única que polo visto se salvaba era a madrileña. A nosa relación xurdiu cando empezamos a quedar para saír xuntos nas fins de semana. El non tiña coche e eu si, así que iamos xuntos ás mozas. Eu creo que se o chegaran a tratar un pouco mellor e lle ofrecerán algunha perspectiva de futuro, non houbera regresado a Suecia.
¿Desde que regresou para Suecia no volveu coincidir con el?
Non. Houbo un momento en que viu que baixo o paraugas dos seus tíos non tiña futuro ningún e entón decidiu regresar. Souben del cando me enterei pola televisión de que fora elixido primeiro ministro sueco e igual, foi polos periódicos e pola televisión cando souben que o asasinaran na rúa.
No libro "Matádeo mañá", Elixio completa a información deste xeito: "Ó que tiven noticia do suceso, a parte de lamentalo profundamente, sentín remorso por non ser máis dilixente e axudalo a conseguir un emprego en México, que igual cambiaba o seu destino". n

Te puede interesar