MORRAZO

“María Solinha’’ proxectarase en cen concellos e alén da raia

Os actores Morris, Laura Míguez, Grial Montes e o director Ignacio Vilar cos alcaldes de Cangas e Redondela, Xosé Manuel Pazos e Digna Rivas; a presidenta de Deputación, Carmela Silva; o distribuidor Xoán Mariño; o director de Agadic, Jacobo Sutil presentaron onte en Cangas o circuito de proxeccións de “María Solinha” a partir deste venres.
photo_camera Os actores Morris, Laura Míguez, Grial Montes e o director Ignacio Vilar cos alcaldes de Cangas e Redondela, Xosé Manuel Pazos e Digna Rivas; a presidenta de Deputación, Carmela Silva; o distribuidor Xoán Mariño; o director de Agadic, Jacobo Sutil presentaron onte en Cangas o circuito de proxeccións de “María Solinha” a partir deste venres.
Cangas e Redondela acollerán para a semana  a estrea do filme da viuva xulgada por bruxa
A normalidade tamén chega ao cine. Así, o filme “María Solinha”, de Ignacio Vilar, prepara a súa estrea para a vindeira semana en Cangas (venres 19) e Redondela (sábado 20), recuperando así a promoción conxelada co estado de alarma. Estas dúas proxeccións marcarán o inicio dun circuito por máis de cen concellos galegos, amais de algunha localidade portuguesa e de Castela León.
Onte, a vila do Morrazo acolleu a presentación desta xira, á que acudiron membros do reparto como o vigués, Antonio Durán ‘Morris’, Grial Montes ou Laura Míguez e mailo propio director, xunto cos representantes de administracións patrocinadoras, os alcaldes de Cangas e Redondela, Xosé Manuel Pazos e Digna Rivas; o director de Agadic, Jacobo Sutil e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.
“Esta historia emociónanos a todas porque é a nosa historia, é a historia das mulleres” manifestou Silva, referíndose a protagonista, baseado nunha persoaxe real, unha viúva que foi xulgada por meiga para quedarse cos seus bens e que deu lugar á lenda.
Entre xuño e outubro chegará a  concellos de toda Galicia, algo que segundo o seu distribuidor, Xoán Mariño, “é un fito histórico porque non hai moitas pelis que estreen primeiro no rural e logo nos cines, amais, debe ser a primeira vez que se estree unha película nun autocine”. En tódolos casos se seguirán as recomendacións e directrices derivadas da situación de crise sanitaria provocada polo Covid-19.
Producida por Vigopolis e Vía Láctea Films, conta cun reparto de 30 intérpretes e foi rodada en distintas localizacións da Ría no verán pasado.

Te puede interesar