+ deporte

Fermosas panorámicas e lameiro para a bicicleta

Un dos ciclistas leva o ritmo do grupo nun treito estreito e algo técnico do trazado.
photo_camera Un dos ciclistas leva o ritmo do grupo nun treito estreito e algo técnico do trazado.
O municipio de Oia acolleu a marcha As Carballas, con 170 participantes 
As nubes descargaron auga toda a noite no sur de Galicia, pero decidiron fuxir co abrente do domingo para deixar unha mañá fermosa, de ceo azul como o Atlántico que se podía observar ó lonxe no transitar lento das bicicletas, como correspondía o moito lameiro acumulado na Serra da Groba tras un mes de choiva. 
A marcha de BTT As Carballas tivo o pasado domingo unha participación notable, de 170 ciclistas, que percorreron o municipio de Santa María de Oia ó longo de 46 quilómetros con chegada e saída na parroquia de Lourenza. 
Nesta localidade do interior do municipio, en pleno val do río Tamuxe, iniciábase a proba que tiña como treito de maior dureza o ascenso dende o quilómetro 5 ata o 15. Aí solventábanse 600 metros de desnivel positivo dos 1.100 da cita. Foi o tramo comprendido entre a zona baixa de val e o alto do Castillo. A partir de aí, a ruta entrou nunha serie de tobogáns e ata un quilómero de 'cresteo' polo alto da serra con vistas á toda a costa, na que o océano Atlántico bate nos acantilados de Oia. 
Un treito de gran beleza e que se combinou con outros algo máis técnicos e brandos debido a choiva acumulada e, tras o paso dos corredores, formouse lameiro, o que dificultou máis o avance dos rezagados. 
O deportista que cubriu con maior velocidade a proba foi Gustavo Domínguez, do Club Ciclista Aragonta, que finalizou o evento en 2 horas e 12 minutos. Aínda que a cita carecía de clasificación, foi un dos primeiros en poder degustar a papatoria final, con sopa caseira como elemento principal e, para os maís valentes, regada con viño.n

Te puede interesar