+ Deporte

Escolares á carreira por Castrelos

A participación foi notablemente cuantiosa en cada unha das seis probas disputadas o sábado pola mañá no parque vigués.
photo_camera A participación foi notablemente cuantiosa en cada unha das seis probas disputadas o sábado pola mañá no parque vigués.
Máis dun milleiro de rapaces estiveron no Campionato Provincial de campo a través, co Vila de Cangas como dominador
O parque de Castrelos, epicentro do atletismo popular en Vigo, acolleu o pasado sábado o Campionato Provincial de campo a través pertencente a Xogade -plataforma da Xunta para o deporte escolar galego-. A cita foi todo un éxito de participación, xa que congregou a 1.300 atletas de toda Pontevedra de categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.
O Vila de Cangas foi o equipo con máis vitorias colectivas da xornada, con tres. Os morracenses levaron o triunfo coral nas dúas probas infantís e na alevín feminina. Ademáis, Hugo Collazo gañou a carreira dos alevíns. Nos logros individuais tamén destacaron o primeiro e o segundo posto de Sabela Castro e Leire Brun na proba alevín feminina e o terceiro de Hugo Domínguez na infantil.
A Sociedade Atlética do Trega foi o mellor conxunto cadete feminino, con Marcela Morgado como gañadora e Uxía Rodríguez, terceira. Non foi o único doblete do clube da Guarda en Castrelos, xa que os irmáns Sierpes, Álex e Christian, coparon as dúas primeiras posicións da proba infantil. Carmen Magallanes foi a terceira infantil.
O Celta foi o vencedor entre os alevíns, con Lucas Pérez na terceira posición do podio. A entidade céltica acadou outra terceira posición na proba cadete masculina (Pawit Comesaña) e un segundo na benxamín feminina (Irene Méndez). 
Polo demais, destacou a vitoria de Gabriela Bouzada (Val Miñor) na carreira benxamín feminina, ademais das terceiras posicións de Mateo Currás (Tirán) na masculina e a de Irene Balado (Comesaña Sporting Club) na alevín feminina.
Todo nunha mañá con tempo algo revolto, que propiciou máis dureza no trazado, con algo de lameiro. Nada que non se puidese superar con esforzo e gañas de pasalo ben. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de dar as saídas.

Te puede interesar