+ Deporte

Con dúas pernas e dúas rodas

O momento da transición da carreira pedestre inicial á bicicleta é fundamental para non perder segundos moi valiosos ó final.
photo_camera O momento da transición da carreira pedestre inicial á bicicleta é fundamental para non perder segundos moi valiosos ó final.
O Duatlón Escolar de Nigrán reuniu a máis dun cento de rapaces no parque empresarial de Porto do Molle
O pasado domingo disputouse no parque empresarial de Porto do Molle, en Nigrán, unha nova edición do duatlón escolar da localidade, que reuniu a máis de cen cativos de catro categorías diferentes -benxamíns, alevíns, infantís e cadetes- para gozar dunha mañá de carreira e bicicleta.
Porque o duatlón desbota a natación con respecto ó seu primo o triatlón para facer unha competición con dúas disciplinas deportivas que consiste nunha carreira máis longa de saída, un treito de bicicleta no medio e outra vez a pé para rematar, inda que este último segmento máis curto que o primeiro -en torno á metade de metros-.
Deste xeito, 116 escolares foron quen de rematar cadansúa competición na mañá dominical, que recibiu ós pequenos con sol e unha temperatura agradable nun evento perfectamente organizado polo Triatlón Mar de Vigo. Precisamente a entidade olívica foi a que máis reluciu en Porto do Molle, ó acadar catro vitorias, outros tantos segundos postos, ademais de dúas terceiras prazas. Toda unha exhibición.
Ese dominio foi notable na proba alevín feminina. Tres deportistas coparon o podio para o Mar de Vigo, que meteu a cinco das súas cativas entre as seis mellores da proba. Marta Pereira foi a gañadora. Cubriu o quilómetro inicial de carreira a pé e os cincocentos metros finais -con catro quilómetros de bicicleta polo medio- en 16:37. Segunda foi Marta Álvarez a 1:19 e terceira, completando o triplete, Sara Rodríguez, a 1:32. Entre os nenos, o dominio tamén foi evidente por parte do clube vigués. Roque González e Adrián Rodríguez foron primeiro e segundo clasificado, respectivamente.
O percorrido dos benxamíns constaba de 500 metros de carreira para comezar, dous quilómetros de bicicleta e 250 metros de carreira a pé para finalizar. O Mar de Vigo apañou outro triunfo da man de Iria López, que superou a Andrea Penelas, do Atletismo Porriño, e a Marta Rosales, do Pinarium de Marín. O clube porriñés acadou a vitoria entre os nenos, con Tomás Bautista levantando os brazos por diante de Breixo García e Adrián Blanco, ambos do Pinarium.
En canto ós infantís, o Mar de Vigo colleitou unha vitoria máis. Foi a que acadou Kevin Gutiérrez, que superou a Nico Cacheda (Corbelo) e a Pablo Rosales (Pinarium) nunha competición que elevou a exisencia con respecto ás dos máis pequenos. Quilómetro e medio de segmento de carreira inicial, seis de bicicleta no intermedio, e 750 metros para rematar a proba. Entre as rapazas, Lorena Patiño, do Pinarium, foi a mellor, coa deportista do Porriño Uxía Bautista en segunda posición. Tania Vidal, do Corbelo de Sanxenxo, completou o caixón.
Para rematar, entre os deportistas máis maiores dos presentes o pasado domingo en Nigrán, o dominio correspondeu ó Triatlón Poio, que levou os dous triunfos da man dos irmáns Cons -Victoria Ana e Nico-. O Mar de Vigo conqueriu sendos segundos postos con Laura Alonso e Ángel Torres nunha carreira con dous quilómetros a pé para comeza e un para rematar, con oito de bicicleta polo medio. n

Te puede interesar