A Xunta reclama a moratoria da normativa agraria da UE

O conselleiro José González, onte nun certame gandeiro en Santa Comba (A Coruña).
photo_camera O conselleiro José González, onte nun certame gandeiro en Santa Comba (A Coruña).
O Goberno galego enviou por carta demandas para que Luis Planas as defenda no Consello Europeo

En medio das protestas do sector primario en España, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, valorou onte o feito de que a Unión Europea estea “tomando nota” das demandas dos agricultores e gandeiros e empece a actuar en consecuencia, propoñendo reformas para reducir a burocracia e aliviar requisitos ambientais.

Nunha visita ao Concurso Autonómico de Raza Frisona, que se celebra na localidade coruñesa de Santa Comba, o titular de Medio Rural en funcións instou ao Goberno español -”dende a máxima lealdade institucional”- a defender “con forza e cunha postura activa e contundente” os intereses do sector primario. “Non podemos permanecer pasivos diante do que está pasando en toda Europa”, advertiu, con manifestacións que poñen en riba da mesa a “fartura” que hai por unha lexislación europea que impón trabas burocráticas e esixencias medioamentais que poñen en perigo a viabilidade das explotacións.

Neste contexto, José González explicou que o Goberno galego trasladou este venres por carta as demandas do sector primario para que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, as leve ao Consello Europeo de ministros de agricultura que se celebra este luns en Bruxelas.

Medida temporal

Ademais, o conselleiro sinalou que a rectificación das autoridades comunitarias vén dar a razón a Galicia e a confirmar o que a nosa comunidade vén reclamando con insistencia. É dicir, que o Goberno central debe defender con contundencia en Europa -e en concreto no devandito Consello de ministros- unha moratoria inmediata e temporal da normativa que impón trabas burocráticas e esixencias medioambientais que -compartindo a súa pertinencia- non se deseñaron atendendo á tripla sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións.

“Vemos que hai unha vontade, en Europa, de asumir modificacións”, indicou o conselleiro, quen engadiu que as autoridades comunitarias recoñeceron que “non se fixeron as cousas ben” á hora de contemplar as diferentes particularidades de cada territorio na aplicación destas políticas. En concreto, censurou que por exemplo en España o ministro de Agricultura “se estea preocupando polas zonas con seca e non teña en conta as especificidades das comunidades da Cornixa cantábrica”, algo que sempre se lle trasladou dende Galicia nas negociacións da PAC, engadiu González. Do que se trata, remarcou, é de “compatibilizar os requirimentos medioambientais coa necesaria supervivencia económica e social das nosas explotacións agrícolas e gandeiras”.

A Xunta considera que a moratoria deberá estenderse ao longo do período de reflexión estratéxica sobre o rol de agricultores e gandeiros en cuestións tan fundamentais como a soberanía alimentaria e a xestión sostible do territorio. Tamén, segundo González, cómpre que España defenda o establecemento de cláusulas espello en todos os tratados comerciais que se asinen con terceiros países, para garantir a igualdade nas regras.

Te puede interesar