Entre 'o 75 e o 80 por cento' da afiliación e todo o grupo municipal acorda deixar o Bloque

Un total de 40 militantes do BNG de Gondomar abandona a formación e constituirase nunha plataforma nacionalista

Un total de 40 militantes do BNG de Gondomar (Pontevedra) decidiron abandonar a formación frentista co fin de abrir un proceso para constituirse nunha plataforma nacionalista, mentres que os cinco concelleiros cos que conta no Concello acordaron non entregar as súas actas.
Así o confirmou o ata agora voceiro do BNG na localidade pontevedresa de Gondomar, Xosé R. Valverde, quen explicou que esta decisión é resultado da pasada Asemblea de Amio do BNG que 'provocou un descontento', aínda que remarcou que 'non se pon en dúbida a súa lexitimidade'.

Deste modo, Valverde explicou que este sábado se deu a coñecer unha decisión que se tomou o pasado 31 de marzo, nunha asemblea local, na que 'entre o 75 e o 80 por cento da afiliación de Gondomar' e todo o seu grupo municipal acordou 'deixar o Bloque'. O que se traduce nun total de 40 militantes, que considera 'un pronunciamento maioritario'.

En concreto, explicou que neste grupo de escindidos hai simpatizantes de Encontro Irmandiño e Máis Galiza, xunto aos que se atopa o exalcalde Antonio Araúxo, a exprimera tenente de alcalde María Luisa Varela, e o que foi voceiro do Goberno local, Paulino del Río.

Deste modo, Valverde remarcou que o de Gondomar era ata a data 'o maior grupo municipal do BNG en toda a bisbarra de Vigo', xa que conta con cinco concelleiros, e unha porcentaxe de captación de voto 'por enriba do 30 por cento', nunha localidade gobernada polo PPdeG.

PLATAFORMA NACIONALISTA
Segundo explicou Valverde ábrese agora un proceso para que este grupo de exmilitantes do Bloque de Gondomar se agrupen en torno a unha plataforma nacionalista 'que se chamará 'x', pero que 'non se constituíu aínda', e que 'calquera día aparecerá esta noticia'.

Todo iso, porque os escindidos 'están dispostos' a non se ir para casa e a seguir facendo cousas por este país'. 'A partir de aquí intentaremos organizarnos para ser útiles a este país, e mesmo confluír na medidas que poidamos ser converxentes co propio BNG en infinidade de iniciativas', apuntou.

PARTE HOMOXÉNEA FÓRA DO BNG
Segundo explica Xosé R. Valverde acerca das baixas na formación frentista, 'a parte que quedou fóra do BNG é igual de homoxénea que a que quedou dentro'. 'Dentro quedou un colectivo marxista-leninista, e fóra hai un colectivo socialdemócrata, social liberal', sinalou.

'Eu non podo ser comunista se resulta que eu non son comunista, se resulta que eu son un social liberal, ninguén pode decidir por min cál é a miña ideoloxía', xustificou.

Te puede interesar