galicia

"Temos a man tendida e a casa común do nacionalismo lista"

Ana Pontón, portavoz nacional e parlamentaria do BNG, o xoves na entrada do Parlamento de Galicia.
photo_camera Ana Pontón, portavoz nacional e parlamentaria do BNG, o xoves na entrada do Parlamento de Galicia.

Ana Pontón confésase unha muller "optimista, algo que axuda a ser feliz". Logo de tres complicados anos na portavocía nacional do BNG, agora ten motivos para amosarse feliz e optimista, sen agochar que tamén tivo medo cando prognosticaban a desaparición do BNG e algún destacado militante cambiaba de chaqueta coa subida da marea. A mediados de febreiro será nai dunha nena que chamará Icia, como a patrona dos músicos e unha montaña perto de Sarria, onde naceu en 1977. Ademáis as enquisas din que o BNG regresará o 10-N ao Congreso. 
Que lle parece a repetición electoral? Venlle ben ao BNG ou non lle ven mal?
A repetición electoral paréceme un síntoma da incapacidade que teñen as forzas políticas de ámbito estatal. Estas eleccións non estaban no guión pero nós estamos traballando para convertir esa incompetencia nunha oportunidade para Galicia. Se algo estamos vendo, é que Galicia perde cando o BNG non está no Congreso. Este país necesita unha forza política propia que defenda os seus intereses no Estado porque o único que nos trae o bipartidismo, a vella e a nova política, é discriminación. 

Faleille da felicidade porque dende hai anos o optimismo do BNG non semella de cartel.
Creo que estamos nun momento político moi positivo para o BNG, estamos incrementando a afiliación e achegando a moita xente nova. Somos unha forza política á alza e estou absolutamente convencida de o 10-N vai ser o día no que os galegos e galegas aposten dunha maneira clara e rotunda por recuperar a súa voz propia, que tamén é recuperar a dignidade como país. 

Que pensou aquela mañá de 2012 cando Beiras regresa con AGE ao Parlamento de Galicia por diante do BNG?
O que sentín é que había unha enmenda á totalidade da súa carreira política e que de aí non ía vir unha alternativa para Galicia. 

En decembro de 2015, En Marea acada seis deputados no Congreso, cinco na repetición electoral, e o BNG queda fóra tras varias décadas con representación. Por que din que foi unha oportunidade perdida para Galicia. 
Os feitos demostran que Galicia perde cando depende das forzas políticas estatais. No Estado nós non temos peso político por poboación, tampouco o temos por ser un dos grandes motores industriais e quen pode darlle peso político a Galicia é unha forza propia. É unha evidencia, e non porque o diga eu, que hai moitos galegos e galegas que botan de menos ao BNG porque ven que Galicia non está. É moi importante porque cando non se fala de Galicia os nosos problemas non existen, polo que as solucións son máis difíciles de atopar. Vemos que a nova política acabouse facendo vella moi pronto e repite unha das cousas máis vellas,  que é o maltrato a Galicia. En canto tiveron ocasión de pactar uns orzamentos, foron os peores en dúas décadas para o nosos país. Galicia non merece o agravio. 

E cunha paisaxe electoralmente inquedante o BNG deita o  futuro nunha muller. Fálase de que pode incluso desaparecer, pero nas eleccións galegas consegue seis escanos. Tivo medo de que puidesen ocorrer os peores presaxios?
Aquel era un momento de moitas incertezas no que parecía que houbese unha onda que non era a nosa, pero teño unha convicción, que é defender o que un cre. Non creo no oportunismo na política nin na vida, o oportunismo sempre acaba pasando factura. Levo dende os 16 anos militando no BNG e tamén me parecía que era moi difícil que unha forza así puidera desaparecer de Galicia porque somos unha necesidade obxectiva para poder avanzar e mellorar o futuro. Aínda que tiña moitos medos, porque mentiría se dixera que non tiña medos ou inseguridades, tiña a forza que da crer no que un defende para o país. En Galicia hai un potencial para o nacionalismo enorme e somos unha forza con vocación maioritaria. 

En Marea xa non está ou morreu de éxito. Como pode afectar esa decepción no electorado con sensibilidade nacionalista?
O electorado nacionalista pode ver no Bloque unha forza política seria, coherente e que vai defender con honestidade este país. Somos xente na que se pode confiar, cos nosos erros pero tamén con moitos acertos. A xente que no seu momento fixo apostas e se poida sentir decepcionada, dígolle que non tire a toalla porque hai unha alternativa sólida en clave de país. Traballamos dende o rigor e non son tempos de quedar na casa, senón de movernos porque Galiza neceista aproveitar a oportunidade do 10-N.

Compromiso por Galicia vai pedir o voto para o BNG, aínda que os que son non están todos dacordo na forma do acordo. Cara onde camiña o nacionalismo galego, ve posible unha refundación?
Non debemos darlle unha dimensión a un feito concreto. É un acordo que demostra que no BNG estamos sumando e somos capaces de unir esforzos polo obxectivo común de volver ter voz propia en Madrid. Nós temos as mans tendidas e as portas abertas para os que queiran traballar, pero tamén estou convencida de que a saudade do pasado non vai ser a clave sobre a que se asente o novo BNG que abrimos hai tres anos cun cambio xeracional na dirección. Nós temos que aprender dos erros e tamén dos acertos de fórmulas do pasado e actuar con moita xenerosidade porque hai moita xente válida que cre que este país necesita unha forza propia. Estase comprobando que nestes tres anos fomos capaces de abrir novos espazos e que hai unha visión distinta, non digo que mellor nin peor, sobre o que significa o nacionalismo nesta nova etapa a que se está sumando moita xente que nunca estivera en política. Se algo segue sendo o BNG é a casa común de todos os nacionalista e da xente que cre que este país necesita forzas políticcas  propias. 

En Marea non se presenta, xa lle dixeron para quen van pedir o voto ou hai recomendacións que é mellor non recibilas?
Non sei o que van facer, teñen que tomar eles a decisión de maneira soberana. 

Vale tamén para Anova ou un apoio como o de Martiño Noriega, Antón Sánchez ou de Beiras sería ben recibido?
Todas as persoas que queiran sumar por un proxecto propio serán ben recibidas, pero sen ánimo de encender ningunha polémica, o que me sorprende e que haxa dirixentes políticos que non digan a quen van votar. A nosa obriga é ser transparentes. Se Galicia quere cambiar o seu papel no Estado, ou temos una nacionalismo forte con voz en Madrid ou pola vía de Podemos e as súas diferentes versións non vai vir ningunha alternativa. Do bipartidismo xa sabemos a que anda, pero polo outro lado copiaron rápidamente os vicios do bipartidismo. 

Como se enterou de que Luís Villares propoñía unha alianza de forzas progresistas, na que estarían En Marea, BNG, Anova e CxG, logo de intentar ir con Más País o 10 de novembro?
Máis alá das tripas, non me parece moi serio que unha organización estea intentando negociar un acordo con Más País, que representa unha visión moi madrileña e moi centralista da política, e que como fracasa diga que a aposta é unha alianza en clave galega. En política hai que ser serios e coherentes. Insistir na liña de que a través de forzas estatais Galicia vai ter peso, xa vimos como queda: unha Galicia cada vez máis pequena no Estado. Este país necesita peso porque estamos vendo que a irrelevancia a que nos conducen as forzas estatais ten consecuencias. Con peso político non teriamos problemas como os de Alcoa ou As Pontes, non se permitiría o desmantelamento da estrutura agraria ou non se consentiría o que xa parece un escarnio: mentres se transfiren autovías e se rebaixan peaxes en todas partes, aquí soben. A historia pasada e tamén a recente volve deixar un relato que describen os feitos: os 23 deputados que escolle Galicia non estiveron ao servizo do país, senón das súas forzas estatais. Ademáis nun contexto no que un, dous ou tres deputados coas mans libres para defender este país poden cambiar o rumbo de sectores económicos que nestes momentos atravesan unha crise. É unha oportunidade que non pode perder Galicia. Moita xente fai a reflexión de que os cataláns e vascos defenden o seu país, tamén os canarios, ata temos uns rexionalistas cántabros, e Galicia, a nación sen estado máis antiga e con máis personalidade, muda, desaparecida e maltratada. Temos que cambiar o guión e quen pode cambialo é o BNG.

Nese guión, as enquisas danlle un deputado pola Coruña. A candidatura Más País con Carolina Bescansa por esa circunscripción aféctalle máis a Galicia en Común ou ao BNG?
Máis alá das enquisas, que din que o Bloque volve ao Congreso, estamos á alza e moita xente quedou decepcionada porque Galicia non tivo voz. Tamén hai decepción polo circo no que se converteu a política estatal con egos e intereses partidistas. Nós a esa xente, votara o que votara, pedímoslle que non quede na casa para facer un exercicio de dignidade a través do BNG. 
Agora no BNG, cunha nova xeración na dirección, non se escapa un chío.
(Ri) Porque non temos leas, temos debates. 

Nin sequera para compoñer as candidaturas?
Bueno, toda organización política ten debate e o do BNG é rico; o que non hai son guerras de poder e temos claro que estamos aquí para facer as cousas dunha maneira diferente e para demostrarlle á xente que a solución é a política. Preocúpame que os cidadáns vexan a política como unha parte do problema e  non como solución. Entendo a decepeción polos partidos que están ao servizo dos grandes intereses económicos e non da xente, pola frivolidade coa que actuaron nestes últimos meses, pero a arma para darlle  a volta a situación é a democracia e se a xente crítica queda na casa é un caldo de cultivo para que nada cambie.

En Ourense levan de cabeza de lista a Francisco García, exalcalde de Allariz e con moito predicamento municipal.
Muncipal é político. Allariz é un emblema do que podía ser Galicia con políticas pensadas aquí. Tamén é unha persoa que, máis alá de que sexa unha das caras do nacionalismo con máis solvencia política, é moi querida. Paco é unha gran cabeza política, un gran xestor político e unha gran persoa. 

Con En Marea comprobouse nas xerais de decembro de 2015 que en Ourense pode haber un oco entre PP e  PSOE. Con esa operación retorno do electorado nacionalista, concédelle algunha opción a Francisco García?
O que creo é que Ourense é un lugar no que se demostra que as políticas de PP e do PSOE non valen para darlle a volta a situación. Quen pode repesentar unha alternativa fronte a falta de actividade económica e a despoboación é o BNG. Nos imos a por todas en cada circunscripción do país. Tivemos un excelente candidato con Iago Tabarés en abril e nesta ocasión, como el tiña problemas de tipo profesional e temos unha organización moi sólida, fixemos a aposta por Francisco García, un peso pesado que sería un gran representante dos intereses de Galicia e de Ourense. 

Iago Tabarés é dos que volveu a esa casa común da que fala. Tamén Anxo Quintana tivo o xesto de pechar a candidatura en Allariz nas municipais. 
Hai que agradecerlle a todo o mundo que suma. Temos a man tendida para a xente que queira sumar e son dous exemplos moi valiososos de como estamos sumando e de como a alternativa para a xente que se senten nacionalista e galeguista é o BNG. Temos a casa preparada e en boas condicións para acoller.

Tamén para antigos militantes como Martiño Noriega, Xulio Ferreiro ou Luís Villares?
Eu quero decir que a xente ten que querer dar o paso, non creo que sexa cuestión de personalizar nunhas persoas ou noutras. Nesta organización e neste país hai moito potencial para o nacionalismo. Respecto que a xente teña un cambio e de repente crea que a solución vai vir de Madrid. Eu non o penso. Que un país como Galicia, cunha riqueza eléctrica tan importante, teña 2.000 traballos en risco polo custe da electricidade é como ter auga e non poder beber, vivir ao carón dun encoro e morrer de sede. A PP e a PSOE, e creo que tamén a Podemos, o actual marco parécelles perfecto. Non teñen aspiración de país, que no fondo é unha falta de confianza nas posibilidades. Nós non permitiremos que goberne a dereita, pero tampouco que a esquerda españoña discrimine outra vez a Galicia. 

Vostede é de Chorente, aldea de Sarria. Que necesita Ourense?
Ourense é un territorio que ten unha potencialidade enorme dende os puntos de vista produtivo, cultural, e turístico. Necesita que as administracións en vez de estar coa política do caciquismo pasen a pensar un futuro para Ourense. En lugar de promesas que quedan en nada como o termalismo, necesítase moito investimento pública para poñer en valor toda a riqueda da cidade e da provincia. Eu creo no rexudir de Ourense e de Galicia e nós temos ideas para levalo adiante. Xa estamos no Concello de Ourense con moita forza. 
 

Te puede interesar