valoración do rural

Obxectivo: poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas

Xornada para informar aos veciños de Paderne de Allariz das vantaxes de implementar un polígono agroforestal.
photo_camera Xornada para informar aos veciños de Paderne de Allariz das vantaxes de implementar un polígono agroforestal.

A Lei de recuperación da terra agraria de Galicia recolle o marco xeral para a xestión da terra agroforestal, a súa ordenación de usos e o fomento da súa recuperación, facendo posible anticiparse aos lumes forestais, traballando pola recuperación demográfica e mellorando a calidade de vida da poboación.

O principal obxectivo da Lei de recuperación é poñer a producir as terras abandonadas e infrautilizadas mediante instrumentos totalmente voluntarios baseados nos arrendamentos, nas cesións, nas transmisións da titularidade das parcelas ou na xestión conxunta. Estas figuras son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo (un proxecto da Consellería do Medio Rural que busca axudar a propietarios a volver productivos terreos infrautilizados) e as agrupacións de xestión conxunta, promovendo nova actividade ou aportándolle base territorial suficiente ás explotacións que a precisen. 

A Xunta investirá 5,3 millóns de euros o vindeiro ano para seguir desenvolvendo as ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Nestes momentos estase a traballar na implementación de dez polígonos agroforestais en diferentes puntos de Galicia e xa están declaradas 14 aldeas modelo, das cales 10 están na provincia de Ourense e as catro restantes na de Lugo.

A Xunta xa anunciou que priorizará a creación de polígonos agroforestais en 71 concellos nos  que a demanda de terra agraria coincide coa superficie abandonada ou infrautilizada en zonas de concentración parcelaria. En total, serán unhas 5.000 hectáreas con boa capacidad productiva, que pasarán a considerarse zonas preferentes de actuación para o seu aproveitamento.

En Ourense, na actualidade estase a traballar nos seguintes polígonos agroforestais:

Cualedro: Despois de que nos anos 2018 e 2019 se recuperasen 185 ha de diversas zonas de concentración parcelaria afectadas por incendios en Cualedro (con produción gandeira de vacún e ovino en extensivo) e de que ditos traballos se prolongasen ata este ano, superando as 200 ha de actuación, agora estase a avanzar na execución dun novo polígono agroforestal en Cualedro, cuxa tramitación se iniciará en breve. Constará de 64 hectáreas (72 parcelas de 70 propietarios) dedicadas á gandería en extensivo esencialmente.

Monterrei: En Monterrei estase a promover un polígono orientado preferentemente á plantación de viñedos para dar servizo á denominación de orixe Monterrei. Abranguería unha superficie de 22,44 hectáreas, repartidas en 535 parcelas de 331 propietarios.

Arnoia: Proponse a creación dun polígono de 224 hectáreas, repartidas en algo máis de 6.700 parcelas de arredor de 780 propietarios. Estanse avaliando os usos idóneos para xerar actividade económica neste concello ourensán. 

Riós: Neste caso, apóstase pola implementación dun polígono agroforestal orientado á plantación de castiñeiros no lugar de Pousada. Implicaría 200 propietarios dun total de 94 hectáreas distribuídas en 663 parcelas.

Paderne de Allariz: Promóvese a execución dun polígono orientado á gandaría que abranguería 43,46 hectáreas distribuídas en 317 parcelas de 208 propietarios. 

Leiro: Avánzase na creación dun polígono de 146 ha (183 parcelas de 113 propietarios) orientado preferentemente á produción vitícola para abastecer a denominación de orixe do Ribeiro. 

Castrelo de Miño: Proxéctase un polígono dunhas 50 ha, tamén para a plantación de viñedo acollido á DO do Ribeiro. 

Oímbra: Trabállase tamén na implementación dun polígono agroforestal nesta localidade ourensá, cunha superficie de case 22 hectáreas (72 parcelas de 73 propietarios) para uso de produtos de horta, incluíndo os da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra. 

Te puede interesar