campaña de conservación e restauración

Novos achados da Xunta e a UVigo no campamento militar da Ciadella

Un grupo de arqueólogos realizando traballos no campamento da Ciadella.
photo_camera Un grupo de arqueólogos realizando traballos no campamento da Ciadella.
Novos achados da Xunta e a UVigo no campamento militar da Ciadella
A Xunta de Galicia e a a UVigo veñen de rematar unha campaña de conservación e restauración no xacemento arqueolóxico da Ciadella. Trátase dunha intervención executada por técnicos da Universidade de Vigo cuxos resultados están sendo analizados no Campus de Ourense. Os traballos permitiron determinar as diferentes fases de ocupación deste campamento militar romano, así como sacar á luz importantes restos e pezas de cerámica. 
O proxecto, no que o Goberno galego inviste preto de 240.000 euros e que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (80%), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, comezou o pasado 1 de marzo e rematou despois de desvelar novos detalles sobre este forte militar. Así, a escavación arqueolóxica descubriu un gran patio no centro das estancias xa coñecidas e rexistrar por completo unha superficie de 1.800 metros cadrados. Ademais, ao longo dos traballos tamén sacaron á luz un novo tramo do camiño perimetral do forte romano, a via sagularis, no exterior do campamento. 
Entre os achados destaca a identificación dun gran horreum de planta rectangular destinado a gardar os alimentos das tropas ou a documentación dun pórtico monumental no edificio principal que supón un exemplo único do Imperio Romano neste tipo de construcións. Así mesmo, tamén foi posible definir as fases cronolóxicas de ocupación deste xacemento, determinando que a súa construción foi no século I despois de Cristo, o que supón que se realizou catro décadas antes do que se pensaba. 
Aínda que os técnicos continúan analizando os restos, estableceuse tamén que os militares abandonaron o asentamento a finais do século III e que as estruturas foron reutilizadas como vivendas e talleres ata o século VII. Ademais, os traballos tamén permitiron recuperar milleiros de restos, especialmente de cerámica, pero tamén de vidro e metal, así como moedas. 
Todo o material recuperado está sendo estudado nos laboratorios do GEAAT (Facultade de Historia), no campus de Ourense. En paralelo, estanse a desenvolver estudos multidisciplinares que abarcan desde datacións de carbono 14 (Beta Analytic) e termoluminiscencia (Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal da UDC), estudios de caracterización de morteiros (Escola de Minas da UVigo), estudios de arqueobotánica (Universidade de Porto) e tamén de zooarqueoloxía (U. de León).

Te puede interesar