Máis de 9.000 galegos elixen pedáneo entre 28 listas o 28M

Avelino Carballal, en primer término, presidente de la entidad de Berán, en 2020.
photo_camera Avelino Carballal, en primer término, presidente de la entidad de Berán, en 2020.
Queimadelos, en Mondariz, é a única entidade menor cunha candidatura, que encabeza o BNG

Os máis de 9.000 galegos que elixen alcalde pedáneo nas nove entidades menores da comunidade, case todas localizadas na provincia de Pontevedra, acumulan un total de 28 candidaturas rexistradas para a próxima cita coas urnas do 28 de maio.

A singularidade das pedanías, máis de 3.500 en toda España, compártena en Galicia un total de nove poboacións, oito delas en Pontevedra. Son Bembrive (Vigo), Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Morgadáns (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso, ambas en Mondariz. A novena, a de Berán, está situada en Leiro (Ourense).

Nestas nove entidades menores residen máis de 9.000 persoas, aínda que a diferenza en canto ao número de veciños empadroados é significativa en función da poboación en cuestión. A máis grande, con diferenza, é a de Bembrive (Vigo), na que residen máis de 4.000 -maior, de feito, que o 58% dos concellos de Galicia-; mentres que nas de Queimadelos ou a ourensá de Berán supérase o centenar de habitantes pero sen chegar aos 200.

As entidades locais menores considéranse legalmente entidades locais de ámbito territorial inferior ao do concello, pero teñen personalidade xurídica propia e asígnanselles competencias para administrar e conservar o seu patrimonio, así como para executar obras e servizos de interese para a súa poboación.

A Deputación de Pontevedra recolle na súa web institucional que esta característica se recoñeceu por primeira vez no do Estatuto municipal de 1924, que define a entidade local como “un núcleo separado de edificacións, formado por un conxunto de persoas e bens, con dereitos e intereses peculiares e colectivos, diferenciados dos xenerais do municipio”.

Neste escenario, as pedanías teñen unha organización propia na que os pedáneos, convocan e presiden as reunións, executan os acordos da xunta veciñal, aplican o orzamento, ordenan os pagos e renden contas da súa xestión, ademais de velar pola conservación dos camiños rurais, fontes e montes.

En canto á xunta veciñal, que tamén ten competencias reguladas e cuxas funcións se poden comparar coas que están atribuídas ao pleno nun Concello, está composta polo alcalde pedáneo e un número par de vogais, dous ou catro en función da poboación existente.

Nesta conxuntura, un total de 28 candidaturas preséntanse ao nove entidades locais, a maior parte encabezadas por PP, PSdeG e BNG. No caso de Queimadelos, unha das dúas pedanías de Mondariz (Pontevedra), ten unha soa candidatura, que lidera o nacionalista Pablo Rodríguez. 

 

CATRO EN  VILASOBROSO

A outra entidade menor da mesma localidade, Vilasobroso, con todo, ten catro: de PP, PSOE, BNG e Alternativa por Mondariz. En Berán (Ourense) concorren só PSOE e BNG. Mentres, con tres listas de PP, PSOE e BNG contan as entidades menores de Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño) ou Arcos da Condesa (Caldas de Reis). En Pazos de Reis (Tui), ademais de populares, nacionalistas e socialistas, preséntase Converxencia XXI; e en Morgadáns (Gondomar) concorren tamén PP, BNG e PSOE, xunto con Manifesto Miñor.

En canto a Bembrive chega á próxima cita coas urnas marcada por unha polémica xudicial que concluíu cun alcalde pedáneo inhabilitado por prevaricación ao declararse probado que fraccionou contratos menores “para eludir os requisitos legais” para a compra da sidra da festa anual.

Após a súa inhabilitación á fronte da pedanía púxose Patricia Otero (PSOE), que volve concorrer para o 28M. Competirá con tres listas máis de PP, a coalición de Podemos e BNG. 

Te puede interesar