MiguEL ÁNGEL SANTALICES VIEIRA Presidente do Parlamento de Galicia

"Galicia sempre firma co galeguismo harmónico, onde todos estamos integrados"

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento.
photo_camera Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento.

n n n O ourensán Miguel Ángel Santalices será por catro anos máis o presidente do Parlamento de Galicia, trala súa reelección este venres durante a xornada de constitución da Cámara. Santalices é membro do Comité Executivo do Partido Popular de Galicia e do Comité Executivo Provincial do PP de Ourense.

Como é o seu balance da lexislatura?
Eu entrei substituíndo a Pilar Rojo en xaneiro de 2016. Tivemos unha tarea lexislativa importante, debatéronse cuestións de gran transcendencia. A lexislatura estivo marcada pola escisión do grupo parlamentario En Marea, provocando que algúns deputados pasen ao grupo mixto. En canto ao traballo realizado, penso que se acadaron uns niveis de consenso razoables. Foi unha lexislatura caracterizada polo diálogo, sen momentos de tensión grande. 

Vostede remarca sempre a importancia do consenso.
E agora aínda máis, porque estou convencido de que esta será a lexislatura das persoas. Haberá temas para os que nos poñeremos facilmente de acordo e outros para os que deberemos estar á altura da confianza depositada pola xente. 

É o máis veterano da Cámara. Pode ser isto un factor determinante?
Eu entrei no 97, esta é xa a miña sétima lexislatura. Ninguén coñece o Parlamento coma min, e este longo percorrido dame unha visión integral e a posibilidade de comparar etapas antigas e actuais. Sei en que momentos reconducir o debate en favor da harmonía parlamentaria, posta á disposición do cidadán.

Que imaxe teñen os galegos do Parlamento de Galicia?
Nos últimos tempos levamos a cabo unha política de portas abertas no Parlamento co obxectivo de que sexa máis coñecido, e creo que o estamos conseguindo. Visítannos moitos colexios, e chegan 30.000 nenos ao ano. Polo orden no que o pidan, pagámoslles a viaxe para que coñezan o Parlamento e o Goberno, as dúas institucións. E eses nenos falan despois e cóntanlle aos seus avós. Isto nos fixo máis coñecidos, o cal é importante porque quen lexisla ten un impacto directo na cidadanía. 

Onde deben estar o Parlamento Galego e a clase política nestes momentos?
Coas persoas. Temos que volcarnos en axudar á xente que o está pasando mal. O sufrimento é grande e pode ser aínda maior.

Como valora a situación da sanidade galega?
En Galicia a sanidade mellorou moito. Eu vivín a situación antes e despois da transferencia sanitaria ás comunidades, e o cambio foi extraordinario: construíronse hospitais, creáronse unidades específicas que non tiñamos… Recordo que os galegos tiñan que ir a Santander para operarse o corazón, porque non había ningunha unidade para a cirurxía cardiaca en Galicia. Agora hai tres. No que respecta ao covid, Galicia foi un exemplo, separando os servizos de urxencias entre patoloxías con síntomas compatibles coa covid e non compatibles. Temos que ser precavidos, para que os contaxiados non medren exponencialmente. 

Cal é o futuro de Galicia?
Ser unha comunidade onde a xente convive de xeito harmónico, cousa que non pasa noutras comunidades. Caracterizámonos pola tranquilidade coa que vive a xente, e traballamos con políticas culturais que son ben entendidas pola xente e non provocan tensións. Oxalá o futuro sexa manter a tranquilidade nun sendeiro de progreso. Nós falamos a nosa lingua sen ningún problema e a respectamos e queremos. Desexamos ademais traballar na conservación do noso entorno. 

E como ve o porvir de Ourense?
Como ourensano, que presume deste sentimento de ourensanía, temos unha riqueza importantísima dentro do sector termal. Unha cousa é falar de termas de ocio e outra da saúde. Somos unha potencia, temos augas medicinais que teñen propiedades curativas. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, é tamén presidente das cidades termais de toda Europa neste momento, e todo isto ten un potencial que debemos aproveitar. Trataremos de incluír o termalismo na carteira de servizos do servizo nacional de saúde, chegando xente doutras comunidades a tratarse. E todo isto nos favorecerá aínda máis cando teñamos o AVE a Madrid, conectándonos en dúas horas e pouco. 

Cre que os galegos premiaron ao galeguismo, cos bos resultados de PP e BNG e a exclusión de VOX, e que saíu reforzado o sector máis galeguista do PP?
Eu creo que Galicia sempre firma co galeguismo sen tensións, harmónico, onde todos estamos integrados, orgullosos da nosa lingua e cultura. A xente valora moito que as nosas propostas non descoiden o sentimento galeguista. Alégrome porque son un galeguista convencido. E é moi oportuno seguir esta liña de traballo, onde a xente se sinte cómoda. 

Como valora os derradeiros resultados electorais, onde o Partido Popular acadou a maioría absoluta?
Foron moi bos. A cidadanía valora moito as propostas argumentadas. O pobo galego ten a capacidade de discernir cal é a mellor elección. O PP en Ourense ten uns resultados altísimos. Mantense unha liña continuada de apoio ao partido por riba do 50% en Ourense, nas últimas eleccións no 53%.

É un dos temas da actualidade. Que opinión ten sobre a saída de España do rei emérito?
Ese non é o Juan Carlos I co que quero quedarme. Recordo perfectamente o golpe de Estado do 81. Estaba co meu pai nun bar en Bande, e tamén case a metade do pobo concentrado nel. E recordo a imaxe do rei e a tranquilidade que me transmitira. O meu pai era boticario en Bande e moita xente xa preguntaba se podería vir á nosa casa, que estaba na fronteira, para desde ela fuxir a Portugal. E entón o rei transmitiu a tranquilidade que nese momento ningúen tiña. Prefiro quedarme con esa imaxe, co momento no que salvou o golpe de Estado, que con cousas menos agradables. n
 

Te puede interesar