Os galegos xogarán o próximo martes 185 millóns de euros no Sorteo Extraordinario de Nadal

Sorteo da Lotería de Nadal.
Os galegos xogarán no Sorteo Extraordinario de Nadal do próximo martes un total de 185 millóns de euros, segundo a consignación de Lotarías e Apostas do Estado para a comunidade, que se sitúa, deste modo como a sexta na que máis se gasta en lotaría dentro de España. Así, Galicia dispón dun total de 924.082 billetes de lotaría, de modo que o gasto por habitante se sitúa este ano en 66,38 euros, unha cantidade similar aos 66 euros que inverteron os galegos en 2008.
Así, Galicia sitúase con esta cifra nunha das comunidades españolas que terá un menor gasto no Sorteo de Nadal, por debaixo da media estatal, que se sitúa nos 70,3 euros, ao redor de 2,2 euros menos do vendido o ano pasado por estas mesmas datas.

Por provincias, A Coruña sitúase á cabeza en gasto total, consignación por habitante e número de billetes, que ascenden, respectivamente a 87 millóns, 76,47 euros e 435.525 participacións. Séguelle a de Pontevedra, onde o gasto previsto é de 57,7 millóns de euros, 60,48 euros por persoa.

En Lugo a cantidade consignada son 24,3 millóns, para 121.690 billetes en total que se repartiron na provincia, o que resulta nun gasto medio de 68,45 euros. Por último, en Ourense, o total sitúase en 15,7 millóns de euros, o gasto por habitante en 46,75 euros. A provincia conta con 78.555 billetes.

As comunidades autónomas con maior consignación este ano son Madrid con 538.294.080 euros, Cataluña con 507.540.600 euros e a Comunidade Valenciana con 413.108.800 euros. A estas tres comunidades ségueno Andalucía, Castilla e León con 248.053.000 euros e Galicia, con 184.816.400 euros. As de menor consignación son Navarra con 35.306.400 euros e La Rioja con 31.871.800 euros.

Te puede interesar