Feijóo: “Galicia está funcionando e non pode averiarse co independentismo”

O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nas instalacións de La Región e Telemiño no Polígono de San Cibrao das Viñas.
photo_camera O presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, nas instalacións de La Región e Telemiño no Polígono de San Cibrao das Viñas.
O presidente do PP sinala que "as comunidades que mellor funcionan non son nacionalistas; espero que os galegos opten polo modelo actual de Galicia"

Pasada a primeira semana de campaña electoral o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, visitou as instalacións de La Región e Telemiño para facer un balance  dos primeiros días, contarnos as súas sensacións na rúa e recalcar o importante papel de Ourense  no resultado final das eleccións galegas do vindeiro día 18.

 

 

É a primeira vez en moitos anos que percorre Galicia nunha campaña electoral autonómica sen ser o candidato. Qué sensacións ten, certa nostalxia?

Non é o mesmo facer unha campaña cando eres candidato  que cando non, pero vir a Galicia a facer unha campaña polo meu partido e polo candidato Alfonso Rueda era unha oportunidade que non ía perder. Eu estou contento  de estar aquí. Esta é a miña terra, aquí aprendín  todo o que sei en política e agora todos no partido estamos a que o presidente Rueda poida ser o próximo presidente da Xunta. 

Qué está a percibir na rúa?

Na rúa percibo máis o menos unhas vibracións similares, a xente apoia, a xente felicita, a xente empuxa, pero evidentemente, conseguir unha maioría absoluta é sempre moi difícil. O maior risco que ten o Partido Popular de Galicia é a confianza, se temos un exceso de confianza lóxicamente temos un risco enorme. O que sí aprezo é un certo fastío na xente coas eleccións, votaron en maio, votaron en xullo, e tamén moito fastío pola situación na política nacional, pola situación de enfrontamento. Pero ben, eu estou seguro que Galicia votará por Galicia e que Galicia ten un modelo que a min gustaríame exportar o resto de España.

Leva vostede moitos días de campaña en Galicia, tamén moitos ministros e o propio Pedro Sánchez estanse a implicar nestas eleccións. Dá a sensación de que tanto PP coma PSOE se xogan moito nestes comicios. O resultado en Galicia trascende á propia Galicia?

O que pasa en Galicia afecta a Galicia, a min se non fose galego afectaríame menos e se non fose presidente da Xunta durante os últimos 14 anos pois tamén. Teño a mesma presencia aquí que nas eleccións andaluzas. Evidentemente hai un desembarco de ministros socialistas que a maioría da xente non coñece porque Sánchez nomeou máis de cincuenta ministros en cinco anos, por exemplo, en Sanidade, houbo seis ministros en cinco anos. A xente non coñece aos ministros, pero si coñece o que fai o partido socialista e que no caso galego está nunha profunda crise de liderado e proxecto político agora mesmo é unha muleta do BNG. E estou convencido de que moitos socialistas non queren ser a muleta dun partido soberanista que está en contra da Constitución, do Estatuto de Autonomía, da Unión Europea e a favor da autodeterminación e o monolingüismo e iso a Galicia non lle interesa.

Como valora a xestión de Alfonso Rueda e o proceso de substitución cando vostede dá o salto a Madrid?

Pois non foi fácil, tivemos que facer o proceso de sucesión en quince días e non estaba nas previsións facer ese cambio. É moi difícil facelo mellor, a xestión de Rueda  é a dun Goberno que ten trazabilidade nos últimos quince anos, o partido está máis unido que nunca, o resultado das eleccións municipais foi moi bo. Hai un éxito de goberno, hai un éxito de partido e hai un éxito nas últimas convocatorias electorais, como as xerais, onde Galicia foi a comunidade con maior porcentaxe de voto ao Partido Popular. Alfonso Rueda ten acreditado nestes anos que sabe o que quere, que executa e xestiona correctamente e despois de visitar moitos sitios pode dicir que Galicia é un modelo de xestión, primeiro de convivencia política, segundo de xestión económica e terceiro de xestión dos servicios públicos. Galicia lidera as estadísticas en mellores servizos de sanidade, no informe PISA tamén os resultados están entre os mellores. Temos un bo sistema sanitario, con tensións pola falla de médicos de atención primaria, un bo sistema educativo e unha comunidade autónoma solvente.

Todas as enquisas que se coñeceron ata o de agora dan unha nova maioría absoluta o PP, salvo a última enquisa do CIS que outorga posibilidades de que baixen dos 38 deputados. Cada vez teñen menos valor vendo por exemplo o que pasou nas últimas xerais?

Non teñen fiabilidade máxima, ademais hai sempre unha porcentaxe de indecisos, de xente que decide o seu voto na última semana ou mesmo no último día o por tanto hai sempre unha incertidume. As maiorías absolutas son moi caras. So existen en Galicia, en Andalucía, en Madrid e na Rioja ou en Melilla. As enquisas son ciencias inexactas e ter unha maioría absoluta é moi difícil. Dito isto, non é o mesmo facer enquisas para catro provincias que para cincuenta e catro e normalmente as enquisas en Galicia adoitan a acertar. Temos nesas enquisas entre trinta e sete e corenta e dous deputados e imos ver o que pasa na última semana. 

Eu o que lle pediría aos galegos é que  se queren importar os modelos que non funcionan e que producen ruptura de convivencia e fractura social como é o modelo  independentista catalán ou o modelo de Bildu no País Vasco, eu creo que a Galicia non lle interesan. Galicia pode seguir sendo unha comunidade autónoma cun idioma propio, cunha cultura propia sentíndonos como o que somos, parte da nación española e cunha forma de xestionar distinta e acreditada. Galicia sempre está entre as comunidades mellores de España en calquera dato. O Goberno do presidente Rueda é o que ten máis experiencia de toda España.

Na campaña estase a poñer o foco na lei de amnistía, algo que critican dende a oposición, din que o PP non está a falar de Galicia nesta campaña. Qué lles diría?

Comprendo que aos nacionalistas non lle interese o que pasa en España. Había un principio que compartíamos todos os partidos políticos que era o da igualdade de todos os cidadáns ante a lei, que non pode haber castas económicas nin castas políticas, e agora os partidos de esquerdas, incluído o BNG, perden a bandeira da igualdade, da separación dos poderes e diso intentan que non se fale. Por outra parte parece que o BNG é un partido novo, que acaba de aparecer, que a súa candidata é a novidade e o BNG é un partido antigo, cunha ideoloxía pechada e desactualizada. Pero o que lles molesta é que se diga que BNG e PSOE son o mesmo porque o seu obxectivo é que non goberne o PP. Para unha persoa de esquerdas comprometida, a amnistía é unha cacicada impropia de calquer partido político. É como cando falan dunha maioría progresista. 

Agora que Junts non vota a favor da lei de amnistía defíneno como dereita independentista. En definitiva, estamos vendo todos os días un goberno no que sempre hai pelexas entre os socios. Sumar con Podemos, Sumar co PSOE, etc. Dependemos do que diga Otegi, do que diga Puigdemont. Iso si, o BNG vota sempre o mesmo que o PSOE. Claro que temos que falar da amnistía porque afecta a Galicia. Evidentemente falaremos máis da Sanidade, da Educación, dos servizos sociais ou das infraestructuras, pero da amnistía hai que falar. Imaxina un presidente de Galicia declarando a independencia, fugarse a Bruselas e que despois non fora xulgado. 

Pero neste caso, como é catalán e o PSOE necesita os seus votos imos facerlle un código penal á medida, unha amnistía á medida e imos a dicir que esta maneira de tratar a Puigdemont é progresista. Estamos ante un suposto atípico, no Parlamento Europeo estanse a dar conta, estase a perseguir xuíces en España, chámaselles prevaricadores dende o Congreso, mesmo voceiros dos partidos e desprézase constantemente tanto ao Tribunal Supremo coma ao Tribunal Constitucional.

Cree que finalmente sairá adiante a lei de amnistía?

Sen amnistía non hai investidura e sen amnistía non vai haber lexislatura porque cando a túa lexislatura depende de aprobar una lei sabendo que non cabe na Constitución, que probablemente terás que engadir delitos de terrrorismo ou de traizón que se están a investigar agora pola vinculación do réximen de Putin co procés, tes un problema en Europa, porque en Europa este tipo de delitos non teñen un pase. Os tratados da Unión Europea teñen como principios, primeiro, a igualdade ante a lei de todos os cidadáns, segundo, a separación de poderes e terceiro a independencia absoluta do poder xudicial e estes tres principios básicos da Unión Europea están a ser maltratados polo Goberno de España como consecuencia da súa necesidade parlamentaria, por conseguinte, non é unha situación fácil para o Goberno. Sánchez sabe que no momento que Junts diga que se acabou, non ten a maioría, non pode gobernar, non pode aprobar nin orzamentos nin ningún tipo de lei e a lexislatura entrará en colapso. Están en estado de necesidade tanto os que teñen que ser amnistíados como os que teñen que gobernar e buscarán calquera saída, aínda que esa saída sexa tumbada e declarada ilegal polo Tribunal Supremo  ou polo Tribunal Superior de Xustiza da Unión Europea.

 Eses problemas coa lei de amnistía poden propiciar unha lexislatura corta?

Eu dixen que esta lexislatura durará o que queira Puigdemont. Non sei se vai a ser curta ou longa, o que diga Puigdemont, temos que aceptalo, porque neste momento é o que manda. No Congreso dos Deputados miramos sempre o que fai Junts, porque se eles non queren non se aproba e acabamos de velo co proxecto da lei de amnistía. Durante moitos anos Sánchez dixo de Junts que era un partido xenófobo e agora quere darlle as competencias en inmigración. Están mercadeando todo o día pero o que toma as decisións é Junts. Despois temos máis tensións entre outros socios, como Sumar e Podemos.

Se Bildu, PNV, Podemos, Esquerra ou Junts, so un deles, vota en contra de calquera lei, non sae adiante. E pola contra estamos nós, que nos faltan catro votos para poder gobernar. No Senado, onde temos maioría, acabamos de aprobar una lei contra a okupación, abstivéronse Junts e PNV, se isto o fixeran no Congreso, a lei non sae adiante. Nunca a gobernabilidade de España estivo en mans dos independentistas. Antes os partidos coma Convergencia moviánse na líña do nacionalismo pero non no independentismo. Os partidos aos que non lle interesa España son os que gobernan España, é un fenómeno curioso que penso que se estudiará no futuro con absoluta perplexidade.

Se non alcanzan a maioría absoluta. Hai liñas bermellas en cuestión de posibles pactos?

Eu creo que soamente hai dúas posibilidades, unha maioría do Partido Popular ou unha mestura de partidos onde están BNG, PSOE, Sumar e Podemos. Eu creo que os cidadáns que poden estar máis ou menos de acordo co Partido Popular pero que non queren que se importe unha ideoloxía de Cataluña ou de Euskadi e que teñamos un partido que pide a autodeterminación no Goberno, deberían optar pola nosa opción nestas eleccións autonómicas.  

O BNG é un partido, según din os seus estatutos, marxista, algo que en Europa xa non existe. Toda aquela xente que non quere unha sociedade pechada, unha sociedade onde haxa que estudar todas as asignaturas en galego, unha sociedade onde ou eres nacionalista ou non eres bo galego, toda esa xente, ou vota o Partido Popular ou ten un risco evidente de que se chegue a iso. Eu confío en que a xente opte polo modelo de estabilidade que representa o PP porque despois de gañar o chegar o despacho ao día seguinte hai que xestionar 13.000 millóns de orzamento e para iso hai que saber. No caso da candidata do BNG, nunca xestionou diñeiro público e iso é moi perigoso. Non é bo chegar a presidencia de Galicia sen ter xestionado antes. Galicia non pode averiarse, Galicia está funcionando e Galicia non pode averiarse co independentismo, e pódolle asegurar que as comunidades que mellor funcionan de España non son nacionalistas, Andalucía e Madrid son os dous grandes motores económicos do país e agora tamén estase a incorporar Valencia.

Qué peso cree que vai ter Ourense nestas eleccións?

Ourense é unha provincia clave porque é unha provincia onde o Partido Popular está moi forte. Os oito deputados de Ourense acreditan  o peso da provincia no conxunto de Galicia. Nalgunha ocasión en Ourense o PP sacou nove deputados. Se repite ese resultado a Xunta estaría cen por cen asegurada. Polo tanto se a xente de Ourense, onde o BNG ten unha baixa implantación, colle unha papeleta do Partido Popular o vindeiro día 18, Ourense queda  blindado cun goberno constitucionalista como é o Partido Popular de Galicia. 

Ourense é a chave do Goberno da Xunta. Sempre respondeu sendo unha provincia cos maiores apoios en porcentaxe de voto de toda España. Estou convencido de que se os resultados na provincia ourensán son bos, a victoria de Alfonso Rueda está asegurada por iso fago un chamamento a todos a que acudan a votar de forma masiva o vindeiro día 18.

Te puede interesar