ROMÁN RODRÍGUEZ Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

"Os centros non son o problema, os contaxios están sendo fóra"

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade dende o pasado mes de setembro, retratado no Gaiás (Santiago).
photo_camera Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade dende o pasado mes de setembro, retratado no Gaiás (Santiago).
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encargoulle a Román Rodríguez (O Vento, Lalín, 1968) a misión do curso poscovid a só uns días da volta ás aulas. O pasado 6 de setembro, a Consellería de Educación cambiou de rostro e de nome.


O presidente autonómico prescindiu de Carmen Pomar, que afrontou os meses máis duros da pandemia–os da incertidume e a novidade–para nomear como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade a Román Rodríguez, que xa ocupou este cargo dende febreiro de 2015 a setembro de 2018. Despois foi titular de Cultura e Turismo e agora volve ao posto inicial, co reto do segundo estado de alarma e a hipotética volta ao ensino online. 

O protocolo cando hai un positivo nunha aula é mellorable? Hai confusión con quen ten que confinarse. Nunha clase un profesor si e noutra non, por exemplo.
En ningún caso é arbitrario, non hai improvisación. As cousas poden mellorar, pero de xeito xenérico hai un traballo moi bo.

O concepto dos grupos burbulla funciona? Non hai que revisalo?
En toda España se plantexa esta acción para Infantil e Primaria. É un sistema cuxos datos en Galicia está tendo bos resultados. Temos que ser conscientes que os nenos pasan unhas horas no centro, pero o resto pásano coa familia, cos amigos, nos parques… Naqueles centros con contaxios, adquíreno fóra do centro educativo. 

Aínda así, o que pase fóra da aula preocupará...
É obvio. Tódolos galegos estamos preocupados. Os centros educativos non son o problema, ao contrario, cortan o virus.
Que pasa cos alumnos en cuarentena? Compre un protocolo para garantir que a atención na casa é a adecuada?
Si. É unha cuestión que nos preocupa e nos ocupa. Imos presentar un sistema de ordenación do ensino telemático que vai posibilitar que sexa o máis parecido á presencialidade ordinaria. O que imos plantexar son medidas que agardemos non sexa necesario implementar, pero no hipotético caso, estar preparados para dar unha resposta educativa. 

Que liñas seguirán no hipotético caso dun confinamento?
Vai ser na liña en que permita dar resposta educativa acorde coas necesidades do alumnado, para que a crise sanitaria non se transforme nunha crise educativa. A nosa máxima preocupación ten dúas vías en Galicia: garantir a seguridade do sistema educativo e manter a educación como un gran servizo público que aporta, no caso galego, uns resultados en calidade moi elevados. 
Na posible volta ao ensino telemático, que hai que mellorar respecto ao primeiro confinamento?
Temos que ser xustos co último trimestre do ano pasado. Isto colleunos por sorpresa. Agora estamos nun escenario no que hai que cumprir protocolos de distancia, máscaras, desdobres… E garantir a calidade educativa. Nos informes PISA estamos en magnifica posición en valores transversais, como igualdade de xénero e respecto a outras culturas. Temos que preservar estes valores. Por iso, estamos en contra dalgunhas medidas.

Como o aprobado xeral. 
Non podemos permitir que Galicia sexa un país de aprobado xeral, iso desincentiva o alumnado e o esforzo. Vai en contra dos valores da educación. 

Que medida propón a Consellería ante esta norma do Estado?
Estamos elaborando unhas normas propias. Queremos un sistema de transmisión de coñecementos e de avaliación que posibiliten manter o nivel, que non desincentiven o alumnado. Xa temos en marcha o grupo de traballo para ver que coñecementos deben ser producidos polos alumnos. E no caso do profesorado en Galicia non vai haber ningún problema coa urxencia de  docentes sen o máster. Será residual. 

Os sindicatos seguen reivindicando que se necesita profesorado. Non o ve necesario?
Teríase que ver o que se fixo noutras comunidades. En Galicia contratáronse 2.200 profesores novos. Con isto estamos nunha ratio de nove alumnos por profesor, unha ratio fantástica. 

Non hai urxencia de docentes?
Acabamos de facer o reforzo máis grande da historia de Galicia, é unha das ratios de alumnado máis baixa en España.

Chega o inverno e aproban a ventilación natural como o método axeitado. Hai alumnos indo con mantas aos centros. Como se soluciona isto?
Temos que ser conscientes de que é unha recomendación sanitaria. A ventilación natural é o máis importante. Plantexamos unha periodicidade, aperturas concretas para xerar os fluxos de aire necesarios. Os informes sanitarios dinnos que se non funciona a ventilación natural, o último paso serían filtros HEPA. Nesa situación, plantéxase que se evalúe cada caso.

Absentismo. Como van funcionar os comités provinciais e cando? Di que son casos illados.
Temos que garantir sempre que se cumpran os dereitos e as obrigas dos alumnos. Ir a clase é unha obrigación. Na actual situación, xorde unha nova panorámica. Aqueles nenos que conviven ou teñen un risco de vulnerabilidade sanitaria. Estas comisións provinciais crearanse de xeito inmediato, a semana que entra, formadas por sanitarios, educadores, concellos e servizos sociais. Haberá que buscar solución a cada caso concreto. n
 

Te puede interesar