Campos debuta coa oferta dun gran pacto pola lingua

José López Campos, o conselleiro de Cultura, onte na tribuna do Parlamento.
photo_camera José López Campos, o conselleiro de Cultura, onte na tribuna do Parlamento.

O conselleiro pide, na semana das Letras, situar “o ben máis prezado” por riba da disputa política

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu onte no Parlamento de Galicia a petición propia para explicar as liñas mestras da súa acción de goberno, intervención que aproveitou para ofrecer un gran pacto pola lingua “para situar o ben máis prezado por encima de calquera disputa política”. Fixo un chamamento para buscar os consensos necesarios que permitan “seguir impulsando e prestixiando o uso do galego en todos os contextos” da sociedade.

Recoñeceu o traballo dos que lle precederon como responsables destas áreas, destacando que a cultura representa máis do 3% do PIB de Galicia. Entre os plans que propuxo, planificados todos eles desde a transversalidade e a innovación, está o Plan Estratéxico dá Cultura Galega Horizonte 2030, “plenamente consensuado co sector” e que axude a planificar as principais liñas públicas e privadas de acción.

Nas vésperas da celebración das Letras Galegas en homenaxe a Luísa Villalta, López Campos, propón iniciar un camiño de colaboración para proxectar a Galicia cara ao futuro. “Vivimos nunha Galicia que coñece, quere e usa o galego e na que a lingua é unha gran riqueza pola que debemos traballar desde a concordia e con liberdade”, subliñou.

A columna vertebral

“A política lingüística do Goberno galego permitiu que hoxe contemos cun modelo integrador no que cabemos todos e non confrontamos con ninguén”, destacou antes de avanzar que este modelo “a seguir en todos os ámbitos da vida”, é tamén “a columna vertebral da nosa folla de ruta: un proxecto para todos e todas as galegas”.

Esta será unha das principais liñas de traballo do novo proxecto no que, como explicou, a mocidade xoga un papel fundamental “para mirar cara ao futuro asentándose na transversalidade, a innovación, o benestar e a xeración de riqueza”. “Non partimos de cero, contamos coa sabedoría e bo facer da tradición herdada por cada un dos conselleiros que me precederon e cun bo momento no que a cultura representa máis do 3 % do noso PIB”, afirmou. Así, explicou que os obxectivos da consellería consisten en reforzar a coordinación entre departamentos para continuar nutrindo o universo cultural galego, promovendo o uso da lingua e dando resposta a necesidades concretas da mocidade. 

Para conseguilo, unha das primeiras medidas é a creación dun novo Plan estratéxico da Cultura Galega, unha folla de ruta plenamente consensuada co sector que, co horizonte no ano 2030, axude a planificar conxuntamente as principais liñas de acción das políticas culturais públicas e privadas desta década.

Neste contexto, tal e como avanzou, prestarase especial atención ás celebracións xacobeas dos próximos anos. “O Xacobeo é o mellor escaparate de Galicia no mundo e os dos anos 2027 e 2032, nos que consolidaremos un gran festival en cada unha das cidades, van representar un conxunto impresionante de oportunidades e desafíos para toda a sociedade”, subliñou.

Te puede interesar