MARÍA ORTEGA Deputada de Língua da Deputación de Pontevedra

"As axudas a língua galega son unha aposta para pór en valor a nosa identidade"

María Ortega, deputada provincial de Língua.
photo_camera María Ortega, deputada provincial de Língua.
nnn  A deputada provincial María Ortega lanzou en apenas uns días varios proxectos para fomentar e dignificar o uso do galego. Desde o seu posto de responsable de  Língua no ente provincial puxo en marcha varias novidades no sistema de subvencións para mellorar os seus resultados. Ortega é ademais concelleiro en Moaña e responsable do CIM de Boiro.
¿Como xorde esta liña de subvencións?
Estas liñas de axudas ás que dende o martes poden optar concellos e entidades pretenden darlle continuidade ás subvencións que a Deputación ten para entidades e concellos da provincia para a dinamización do galego. Son unha clara aposta por poñer en valor a nosa identidade e o noso idioma.
¿En que se diferencian coas doutros anos?
Este ano hai novidades. Múdanse un pouco as axudas porque ata o de agora os concellos da provincia só podían optar a unha única subvención ou ben para a creación e mantemento dun Servizo de Normalización Lingüística (SNL) ou para facer actividades. Antes tiñan que elixir se optaban polo mantemento ou creación do SNL ou por realizar actividades de normalización. Este ano demos unha volta ao tema porque entendemos que os concellos que apostan claramente por ter un Servizo de Lingua con continuidade e estable tamén deben beneficiarse das axudas para actividades dentro da súa programación. Este é o motivo de separar as liñas de subvención para concellos en dúas convocatorias diferentes, as que permiten crear e manter os servizos, que xa saíron hai un par de meses, e esta que sae agora. 
¿Por que dúas liñas diferentes, unha para entidades non de lucro e outra para concellos?
Pois hai unha liña específica para entidades porque entendemos que as entidades culturais que promoven a utilización do noso idioma non compiten en igualdade cos concellos. Meter a todos como competidores dentro dunha mesma liña de axudas non parece xusto nin coherente, nunca nolo pareceu. Hai diferencia porque a capacidade para organizar as actividades de dinamización da lingua nos concellos é superior e de máis calado económico que nas asociacións, que teñen recursos económicos e humanos moito máis limitados. 
¿Cal cre que é a visión que ten a sociedade do uso do galego?
Penso que hai unha toma de conciencia importante sobre a nosa lingua como unha ferramenta de transmisión da nosa identidade, e da nosa cultura e tradicións. Tamén vexo unha conciencia clara de que o galego é un idioma totalmente válido para calquera dos eidos de desenvolvemento social, persoal, económico. Os galegos, máis alá das nosas fronteiras, conciben o galego como unha ferramenta útil para falar de ciencia, educación, de cultura, de economía, de todo, de calquera temática. Si é certo que sufrimos moitos anos de infrautilización da nosa lingua que incumpre moita da normativa de defensa das linguas minoritarias. O goberno do PP tampouco apostou nunca de xeito firme pola defensa da lingua galega. Non hai máis que ver o que se fai dende os diferentes ámbitos administrativos. Na Educación pública estase facendo máis fincapé no estudo do inglés que no do galego. Como ferramenta de socialización da infancia e da mocidade tampouco aposta nin o goberno da Xunta nin os medios públicos de comunicación. Aí está a iniciativa popular do Xabarín da Mesa Pola Normalización Lingüística. Esa campaña dá resposta por parte da sociedade galega, é unha mostra de que hai fame de lingua galega, fame do noso, fame de utilizar o galego como unha ferramenta de relación social no territorio. Tamén hai que subliñar que nos medios tecnolóxicos ou las relacións coa administración a Xunta tampouco aposta polo uso da nosa lingua, xa que moitas veces méteste en calquera páxina da administración pública e o idioma predeterminado de comunicación é o español e non o galego, e tes que darlle ao botonciño de galego para que saia no noso idioma. Nas comunicacións das empresas externalizadas que traballan coa administración non se lles obrigan a ter a súa comunicacións en galego. Atopas cousas estrañas como que para darte de alta nun servizo público están os formularios en español. E xa non falamos da linguaxe inclusiva.
¿Que outras medidas van a adoptar para apoiar o uso do galego?
A Deputación de Pontevedra ten como un dos seus principais eixos de goberno o apoio, o prestixio e a dinamización do galego. Así se asinou no pacto de goberno. Todas as ferramentas que poidamos empregar para favorecer e normalizar o uso da nosa lingua polas persoas da provincia serán empregadas pola Deputación, desde liñas de axudas a novas iniciativas.  n

Te puede interesar