'Encantaríame saber escribir novelas, pero Por desgraza todo son poemas'

Oriana Méndez

A poeta galega Oriana Méndez é das que pensan que entre a poesía e a novela hai secretas conexións.

-Oriana, non hai en certa maneira un nexo entre “Derradeiras Conversas co capitán Kraft” e “Cero”? (Os signos que nobremente un advirte de “ruptura”, son mínimos, aínda que non cabe dúbida que son dous poemario con camiños adxacentes, e talvez esta seara enunciada sexa unha parte do vieiro por onde has continuar…).

-Mais alá das teimas -ideoloxía, preferencias, lugares cómodos-, que xa forman parte de unha mesma, as ideas que os concibiron son distintas. Conversas quixo ser unha épica, é, en si mesmo e na medida en que pode, un relato de emancipación; Cero tratou de indagar outros terreos: a percepción, os puntos de vista, a memoria, a perda. O que estou escribindo ultimamente volve a unha certa narratividade, algo quizais máis semellante ao primeiro libro.

-Non che tenta tamén a narrativa, o ensaio…?

-Moitísimo. Os meus amigos narradores dinme que é sinxelo: menten. Encantaríame saber escribir novelas e sobre todo guións de cine, ser guionista. Por desgraza todo son poemas: na pintura, nos filmes, nas novelas, en case todo miro poemas. Algunha filosofía tamén a leo desa maneira, pasoume o outro día relendo as esferas de Sloterdijk. Seguramente é ignorancia, pero sospeito que a poesía é unha trama válida para ennobelar coñecemento porque eleva a concentración e tensa a linguaxe: é esixente. Ás veces escribo crítica literaria moi libre nalgúns medios e estou agradecida porque o exercicio da reflexión séntalle ben á miña cabeza.

-Entre o ser e estar, cal é o camiño da poeta, do poeta?

-Paréceme que un estado poético permanente debe ser esgotador, aínda que coñezo poetas que o son todo o tempo, pero non sei se eles o saben. Tamén eu creo, Manuel, que coñezo poetas que nunca escribiron un libro, aínda que disto non estou tan segura.

-O amor é o eixo principal de calquera poética?

-Adoita dicirse que o amor, a morte, o tempo, son os grandes temas, ás veces en estado de latencia. Poéticas hai unhas cantas e o concepto polo que preguntas ten moitas posibilidades, pero quizais si podería lerse que o amor (a potencia, a vontade de coñecemento) radica en todo o que nos propoñemos pensar. Cando pensamos nunha poética, isto é nunhas liñas, nunha proposta que nos identifique para intentar levala a cabo, o amor por esa convicción e por esa ambición ten que ser o motor.

Te puede interesar