'No BNG non hai solucións únicas, negar as diferencias é un erro'

A viguesa Çarme Adán en Vigo, nas eleccións galegas.
Carme Adán Vilamartín (Donosti, 1966) é parlamentaria do BNG por Pontevedra dende 2005. Na última asamblea xeral do Bloque, desenvolveu un papel protagonista ao ser a número dous da lista de Jorquera, a proposta da UPG que resultou gañadora. Viguesa, licenciada en Filosofía, impartíu clases no ensino secundario antes de chegar a política. Alcanzou a Secretaría Xeral de Igualdade no goberno de Anxo Quintana. Unha semana despois da histórica asamblea do BNG, analizou dende o seu despacho en Santiago o resultado deste encontro.

Pasada a resaca do debate, como valora o proceso do fin de semana pasado?

Foi moi positivo pola altísima participación que tivo. Máis de 5.000 persoas achegáronse a Santiago para debater, votar e compartir opinión nun exercicio de democracia que non teñen outros partidos políticos. Foron os militantes os que falaron e demostraron que o BNG importa.

A votación deu paso a unha nova realidade, onde as correntes do BNG teñen case que a mesma representación. Que suporá?

Xa pasou o tempo da asamblea. Non hai nen vencedores, nen vencidos. Agora hai que traballar en conxunto e plantar oposición á política do PP. Temos que defender a nosas propostas en financiamento, a crise, a paralización do sector naval e nos temas que realmente lle interesan ao cidadán. Ese é o meu traballo.

Entón as dúas visións que quedaron reflictidas na asamblea non terán consecuencias?

O BNG sempre foi unha agrupación plural dende 1993. Os seus afiliados teñen determinadas formas de ver as cousas. Esa pluralidade é un valor engadido, aínda que públicamente poida resultar complexo. No BNG non hai solucións únicas. Penso que negar as diferencias é un erro. Estamos nunha situación económica e social moi difícil, polo que hai distintas propostas para aplicar nas cidades e en Galicia.

Que é o que enfronta ás dúas tendencias existentes no BNG?

Da asamblea saieron aprobadas pezas políticas, a folla de ruta para os vindeiros anos. As diferencias centranse nos enfoques. Pero tamén da asamblea saíu un órgano directivo onde están representadas tódalas sensibilidades.

A máis de un sorprendeulle a súa fichaxe como número dous na lista de Jorquera, xa que o participar no goberno de Anxo Quintana se lle situaba no ámbito de Máis Galiza.

Anxo Quintana foi o elixido portavoz nacional fronte a Camilo Nogueira nunhas eleccións. Formou un goberno onde participou todo o BNG. Quintana non representaba unha liña política diferente; representaba unha liña de traballo dentro da ideoloxía do BNG. Eu por entón xa era delegada pola APU. Pero o importante é que eu me sinto do BNG, ao igual que a inmensa mayoría da militancia, aínda que enfoques hai en todo e é lícito que se debatan.

No caso do BNG de Nigrán estos enfoques tiveron a suficiente importancia como para deixar o Bloque. Será un caso aillado?

Militar é un acto político e voluntario. Se non se sinte non se fai. Laméntoo moito o de Nigrán, pero como dixen é voluntario. Consiste en compartir ideas e un modelo político.

E para concretar en Vigo, como afectará na actitude do grupo municipal os resultados da Asamblea coa victoria da UPG?

O acordado na asamblea refírese a un documento político e á executiva. O plantexamento comarcal do BNG decídena os seus órganos comarcais. Non hai unha implicación directa da asamblea xeral na toma de decisión en Vigo. Eso correspóndelle ao grupo municipal co apoio da asamblea local. Unha cousa é a vida interna do partido e outra a liña política que siga e as actuacións nos distintos concellos.

Te puede interesar