Santiago Veloso: "Vemos alumnos que fan podcasts cun talento e unha creatividade marabillosa"

Santiago Veloso, en el set de AtlánticoTV.
photo_camera Santiago Veloso, no set de Atlántico TV.
Santiago Veloso é impulsor da recoñecida iniciativa radiofónica galega Ponte… Nas Ondas!

O pasado mes coñeceuse que Ponte… Nas Ondas! exportaría o seu método de conservación do patrimonio cultural inmaterial ao sistema educativo galego. O seu impulsor, Santiago Veloso, visitou Atlántico TV para falar deste fito.

 

 

Como valora esta decisión da Consellería?

Cremos que é unha decisión importante. É un modelo que hai un ano foi inscrito no rexistro das boas prácticas da Unesco e que consiste en integrar o patrimonio cultural inmaterial no sistema educativo axudándose das tecnoloxías da información e a comunicación. Esa é a nosa fórmula.

A grandes rasgos, en que consistirá esta integración en colexios e institutos?

Inicialmente van ser 20 centros, pero tamén é certo que xa hai moitos colexios que veñen traballando con Ponte... Nas Ondas! dende hai 28 anos. Queremos sistematizar un pouco unha do patrimonio cultural inmaterial que existe arredor da escola e que se integra puntualmente, como pode ser o magosto, o Nadal ou o Entroido, que vai un pouco máis alá desas manifestacións xa integradas no ámbito educativo. Estamos a falar de persoas ou comunidades portadoras deste patrimonio que poden estar moi preto do centro educativo. Trátase de que os alumnos coñezan esa realidade.

Confía en que remate implantándose en todos os centros?

Sería case unha utopía, pero é certo que o traballo co patrimonio inmaterial si que está implantado en todos os centros de Galicia dunha forma informal. Agora a Unesco o que pretende é, dalgunha forma, que haxa unha incorporación clara do patrimonio non só a través dos currículos, senón tamén da práctica educativa. Que os centros teñan un proxecto educativo onde contemplen a integración dese patrimonio cultural inmaterial nas competencias do alumnado.

Este fito chega á beira do 30 aniversario da iniciativa. Xa hai plans do que se fará para celebralo?

Hainos, pero aínda nos quedan un par de aniños para preparalos. Pensamos que se vai cumprir unha etapa importante na que Ponte... Nas Ondas! acadou varios recoñecementos. Coñecemos hai pouco que eramos premio da cultura galega e pensamos que o recoñecemento da Unesco é un aval a esas décadas de traxectoria. Pero sobre todo é un recoñecemento a todos os centros educativos que levan participado nesta experiencia polo seu bo traballo.

Como evolucionou Ponte… nas Ondas! coa aparición dos podcasts? 

Vimos das cintas de cassette e agora estamos nos podcasts. É un recurso moi interesante dende o punto de vista educativo. Os alumnos están gravando estes formatos cunha naturalidade e unha creatividade marabillosa. Porque é un formato no que o alumno pode, dende a súa intimidade, expresar as súas vivencias e descubrir que ten unha boa voz para iso. Moitas veces iso quedaba fóra do que era a aula, porque nos grupos non había espazo para dar voz aos alumnos. Hai uns anos era impensable que nunha aula puideras descubrir que un alumno ten ese talento. Hoxe temos un portal educativo chamado 'Escolas nas ondas' que é un escaparate de todo o que fan estos rapaces.

Recentemente presentaron o seu modelo en Madrid. Como foi a experiencia?

Foi marabillosa. Para nós xa foi toda unha honra que o Museo Nacional de Antropoloxía nos convidase a amosar alí o modelo. Pensamos que é un modelo exportable a outros ámbitos xeográficos. Xurdiu aquí pero pode levarse a calquera outro ámbito. O que fixemos alí foi un 'radiovisual' no que os alumnos de dous centros (IES Pedras Rubias e CEIP de Teo) conduciron un programa en directo con persoas portadoras do patrimonio. Neste caso levamos a un músico de tradición oral e a unha ilustradora que descubriu a radio en Ponte... Nas Ondas! e hoxe en día colabora con RNE.

Te puede interesar