Patricia de Lorenzo, actriz de Chévere

Patricia de Lorenzo: "Pode que non compartamos cousas con nosos papeis, pero alguén ten que facelos"

Patricia de Lorenzo invita ao teatro en Ártika.
photo_camera Patricia de Lorenzo invita ao teatro en Ártika.
Patricia de Lorenzo (Coruña, 1971) representa mañá “Pequenas mentiras para contar grandes verdades” en Ártika

Patricia de Lorenzo (Coruña, 1971) representa mañá “Pequenas mentiras para contar grandes verdades” en Ártika. Chega a Vigo coa última montaxe de Chévere, compañía á que pertence dende 1994 e coa que gañou o Mestre Mateo en 2020 á mellor actriz por “Eroski Paraíso”. De Lorenzo falou para Atlántico TV sobre esta nova proposta, “un espectáculo concibido coma unha conferencia teatralizada, onde poñemos en escena a personaxes que interpretamos ao longo dos anos en Chévere. É un contido moi directo no que falamos ao público dende o noso traballo como actores, algo que normalmente non se fai”, declarou.

 

 

Canto pode variar un personaxe segundo quen o intérprete?

Sempre queda algo do autor no personaxe. Esta é unha das cuestións que se abordan na conferencia, pero tentamos analizar máis alá dos propios protanistas, o que estes deixan no actor. Reflexionar sobre por que deixan algo deles en nós é unha cuestión que acotío non chega ao público.

Houbo algún que lle deixara unha pegada especial?

Está o ingrediente da utilidade do personaxe. Pode ser que non compartamos moitas cousas con certos papeis, pero é necesario que alguén os faga. Pode haber personaxes moi distintos aos que chegamos a comprender, diso trata o traballo de actriz, hai que se por no lugar doutra persoa e chegar a entender os motivos que lle levan a un comportamento ou unha actitude específica. É algo que xa se traballa na creación do personaxe. En Chévere entrevistámonos con xente real que nos poidan axudar neste proceso.

Entón os intérpretes deben participar na construción dos seus personaxes?

Así é como traballamos en Chévere, sempre é positivo para o espectáculo. Ás veces resulta complicado se é un equipo moi grande, pero que tódolos implicados no espectáculo se impliquen na análise dos personaxes é fundamental, incluso antes de chegar ao local de ensaio.

Cales son os papeis escollidos para este show?

Os que están presentes foron os máis importantes, os que máis nos marcaron . A iniciativa xurdiu pola proposta de Plataforma, o festival de Santiago. A partir de agora cando me despida dos personaxes, pensarei que igual aparece a oportunidade de recuperalos. Esta experiencia está a ser moi satisfactoria.

Como teñen envellecido a súas postas en escena?

Despois anos, algúns si os tería representado dun xeito diferente. A personaxe máis vella é de 2009 e precisaría unha revisión do seu discurso, a través dela somos conscientes de como cambio todo. Abordamos a cuestión de xénero que entón era unha rareza, no seu momento custounos vender o espectáculo. Agora o feminismo está de plena actualidade.

Que personaxes recupera nesta montaxe?

Comezamos con Sara, a protagonista de “Citizen”, unha triloxía que falaba de Amacio Ortega e Inditex. Non o aludíamos directamente, pero todo o mundo sabía a quen nos referíamos. Finalmente representamos os tres capítulos xuntos, unhas 3 horas e media. O público sentíao moi propio porque era unha xeración que medrou con baixos cheos de mulleres que cosían para Zara, permitiunos falar da globalización. Foi un pracer reencontrarme con Sara, é unha xoia que requeríu moito esforzo. Acompáñaa Eva, de “Eroski Paraíso”, un dos espectáculos máis exitosos de Chévere, e por último, recuperamos a Isaura, de “Fillas bravas”, que xa representamos varias veces en Vigo. 

Dende hai 36 anos, Chévere vense caracterizando por estar na vangarda do teatro. En que andan agora?

Pois igual que antes, replantexando que facer, reinventándose, algo cada vez máis difícil, mostrar sempre algo novo. Ten que ser diferente ao anterior, pero tamén ten que ter un significado que xustifique a súa representación. Estamos ante un novo reto, a inclusión da lingua de signos para poder comunicarnos coas persoas xordas. No vindeiro espectáculo traballará unha actriz xorda e desenvolveremos máis o tema.

Te puede interesar