Miguel Martín (Ponteareas, 1976), foi un dos rostros máis coñecidos dos informativos de Televigo, e agora concelleiro da cidade, presentou o martes a súa primeira novela, ‘Mururoa’. Recentemente estreado no mundo da literatura, Martín afonda nunha historia baseada no comportamento humano e como afectan as novas na vida cotiá individual. O autor acudiu ao set de Atlántico TV para explicar o seu proceso como novo escritor.
O martes foi a presentación de ‘Mururoa’, como viviu esta nova experiencia?
Moi ben, veu bastante xente. Esgotáronse todos os libros dispoñibles en Librouro, polo que iso reflicte que ten certo interese esta novela. Estarei agradecido sempre por esa resposta do público. Algúns eran coñecidos pero outros non, e que se achegaran a coñecer o libro paréceme bastante interesante.
De que trata esta primeira novela?
É unha novela que se mergulla un pouco no comportamento humano, respecto das novas que rachan a vida das persoas. Por iso titúlase ‘Muruoa’, que é un atolón da Polinesia Francesa no ano 95. Cando acontece esta novela, Francia estaba a levar a cabo una serie de probas nucleares nas illas. Non hai un efecto bolboreta, senón unha analoxía do que representa unha bomba atómica que racha con todo. Se pensamos hoxe en día na guerra de Ucraína do que se está a falar e se pode haber un conflito nuclear ou non. Traducido á vida das persoas, eu fíxenme a pregunta: Que é unha bomba atómica? É, ao fin e ao cabo, a perda dun ser querido. Hai moitos xeitos de perder a un ser querido, pero a desaparición é a dor infinita. Cando perdes a alguén dun xeito tráxico tes un sitio onde ir a chorar, pero nunha desaparición queda ese desacougo infinito de non saber o que lle pasou a esa persoa. E o que queria tratar nesta novela
En certa forma, volta aos seus inicios como xornalista, pero, en que se inspirou para escribir ‘Mururoa’?
Hai unha imaxe que eu sempre tiña na cabeza, que é un grupo de persoas reclamando xustiza por unha persoa desaparecida. Paréceme algo moi triste e é unha imaxe que xa vimos noutros casos, e dábame a oportunidade de profundizar. Si que hai un aspecto xornalístico. Hay un xornalista, porque eu tento abordar esta novela dende diversos puntos de vista, probablemente por defecto profesional.
Canto tempo tardou en escribila?
O proceso é longo, levoume basicamente 2 anos. Primeiro tes que ter unha idea, despois unha estrutura e saber por onde queres ir. Cando comezas a escribila, reescribes moito, atopas pedras no camiño, vieiros polos que ir e, ata que non te decatas de que tes o camiño ben perfilado, pasa bastante tempo. Cando chegas ao fin tes un borrador, unha novela sobre a que hai que traballar. É lento pero moi bonito, porque ao final a cabeza non para, e estas 24 horas pensando niso.
Tivo algún momento de bloqueo mental?
Tanto como un bloqueo non, pero sí que reescribes e reescribes. O que escribes hoxe, mañá non te parece o máis axeitado. Esto non é chegar e encher, hai moitas voltas que dar á cabeza.
Por que 1995?
Porque basicamente pertenzo á última xeración que viviu un mundo analóxico. É o comezo do fin desa era, e o principio da nova era dixital, peréceme bastante interesante. Esa epoca foi importante para min e ademais ven en relación co que aconteceu con Mururoa, coa analoxía que quería facer. Ademais, está escrita para un público xuvenil, e os que se acheguen, coñecerán unha época que non viviron.
É a primeira novela, pero, ten outros proxectos en mente?
Teño na cabeza algún proxecto, xa teño algo escrito. Como xa dixen, é un proceso moi lento, e ademais hai que atopar o tempo. Nesas andamos, a cabeza non para e gostaríame algún día ter unha segunda e tercera novela. Agora estamos centrados no presente.