Brais González, compositor vigués

Brais González: "Soñaba con estrear unha obra composta por min no teatro García Barbón"

Brais González, na súa visita a Atlántico TV.
photo_camera Brais González, na súa visita a Atlántico TV.

O compositor vigués Brais González visitou o set de Atlántico TV a escasas horas da estrea da súa obra, “Sinfonietta”, no Concerto das Letras Galegas que tivo lugar onte no Teatro García Barbón.

 

 

Como naceu esta obra?

O Consello da Cultura Galega leva xa varios anos encargando unha obra de estrea dentro do marco do Día das Letras Galegas a distintos compositores. Este ano, pola figura de Don Paco, moi vencellado a Vigo, decidiuse que o concerto se realizara aquí, cun coro vigués e cun compositor vigués. Tiñan bastante para elixir e síntome moi agraciado de que me elixiran a min.

Como é ?

As particularidades da obra de Fernández del Riego fan que a obra non verse sobre textos seus, como adoita ser habitual, senón que se utilizan dous poemas, un de García Bodaño e outro de Xaime Illa, adicados a Don Paco.Ter que traballar con dous poemas que non se parecen moito supuxo dificultades para albergalos como outro tipo de obra. Decidín facela como unha obra de tres movementos cunha peza central que é só instrumental e que está baseado nunha melodía popular galega chamada 'A miña burriña', que era a súa melodía favorita.

Por que esa peza instrumental entre os dous poemas adicados a Fernández del Riego?

Para darlle un sentido formal a nivel musical, que quedara construída como unha pequena sinfonía; e logo polo tema de darlle a importancia a esta melodía popular. Ademais, serve para separar os poemas a través deste pequeno interludio.

Foi difícil musicalizar dous poemas que non foron compostos para iso?

Foi un reto. Ademais, o de Xaime Illa presentaba moitas dificultades polo tipo de escrita, pois non era demasiado musical. Por iso está bastante mutado da súa forma orixinal, fun recortando e intercambiando versos.

En que se inspirou á hora de compoñer esta obra?

Para un compositor, o máis importante é ter unha linguaxe compositiva propia. É algo que buscamos permanentemente. Polo tanto, o que eu intentei é seguir traballando nas liñas nas que traballo habitualmente: mesturar a música académica coas tradicionais e incluso coas músicas urbanas; traballar con elementos do jazz e con ritmos complexos, que é algo habitual na miña música. A partir de aí, tratas de verter todas esas características propias na obra.

Pillouno por sorpresa o encargo do Consello da Cultura Galega?

A verdade é que si. Foi unha sorpresa de inmensa ledicia. 

Estudou en Salzburgo, pero tamén en Vigo e Oviedo. Que diferenzas atopaches entre estas institucións?

A universidade Mozarteum, en Salzburgo, é unha das máis prestixiosas de Europa e polo tanto hai cousas a nivel estructural e académico que poden estar mellor organizadas que nalgúns conservatorios de allí. A miña estancia alí colleume moi novo e algunhas cousas puiden disfrutalas e outras non. Alí enfronteime á competitividade que existe nestas escolas de élite para a que non estaba preparado. E logo en Vigo tiven un profesor de piano, Severino Ortiz, que me abriu moito a mente cando eu pensaba que non ía atopar nada como o que vivira en Salzburgo.

Actuou por toda Europa tanto de solista como de compositor. É especial para ti homenaxear a cultura galega na túa cidade natal?

Esta é a primeira vez que podo estrear unha obra destas características na miña cidade. Ademais no templo de referencia da música clásica en Vigo. Eu ía de pequeniño aos concertos no García Barbón e soñaba con estar aí, como intérprete, e ese soño o cumplín hai uns anos. Quedábame isto que está a pasar agora, é algo incrible. Pero sempre é moi especial que alguén estea a tocar algo que compuxen, non se me vai esa sensación.

Cre que a música clásica non ten o suficiente apoio institucional?

É posible que falte apoio institucional á música clásica. Falta apoio institucional á cultura en xeral, pero creo tamén que nós como músicos e como os protagonistas da música clásica tamén temos que facer unha reflexión de por que se segue a perder público.

Te puede interesar