O Turonia feminino, do inicio axustado a facerse co título da Liga Galega

Monchi González e Álex Álvarez acudiron ó set de Atlántico para repasar a tempada do Turonia.
photo_camera Monchi González e Álex Álvarez acudiron ó set de Atlántico para repasar a tempada do Turonia.
O Turonia feminino conquistou a Liga Galega tras comezar a tempada co número mínimo obrigatorio de xogadoras 

De facer números para disputar o primeiro partido de liga a facerse co título de Liga Galega de fútbol gaélica ó final do curso. Este foi o proceso do Turonia feminino na tempada actual. Unha campaña de éxito que tamén tivo como premio a segunda posición do Trofeo Ibérico xogado no campo de Candeán con formacións chegadas de toda a península. 

“As expectativas eran baixas. Comezamos coa idea de empezar e poder facer a tempada. No equipo estaban catro xogadoras que continuaron durante toda a época da pandemia e que xogaban en unión con outros conxuntos e, ademais, había outras deportistas que, por unha cousa ou outra, pararan. Algunhas volveron e, por último, estaban os reforzos, pero que aínda tardaron un mes en chegar”, explica o adestrador do grupo, Álex Álvarez, de 36 anos. 

Unha das deportistas que formou parte da formación do Val Miñor foi Montserrat González ‘Monchi’, que, ós 37 anos, explica que “estivemos moi comprometidas porque, ó ser poucas, era preciso ir ós adestramentos e ós partidos. Puxemos un día chave de adestramento para ir que foi os mércores, e, a base de constancia e compromiso, chegaron os resultados”. Non foi un proceso doado porque o curso comezou cun encontro “a oito cando o normal e xogar con nove”, admite. Foron semanas de moitas chamadas para tentar xuntar un número suficiente de xogadoras. “As chamadas para liar a amigas e a xente sempre están aí. As mensaxes e iso. Pero a directiva realizou un traballo moi forte para motivar á xente e as xogadoras que xa estaban fixeron unha tarefa importante de captación. Así conseguiron sacar equipo propio e animou a todo o mundo que non estaba enganchado a volver a xogar”, explica a deportista. 

A isto engádese que no fútbol gaélico, por filosofía, “hai unha serie de normas non escritas, pero que impiden fichar noutros equipos. Non é cuestión de comezar a chamar a xogadoras doutros lados, tes que reforzarte con deportistas do entorno. No noso caso foi chamar xogadoras que xa pasaran polo fútbol gaélico antes e, despois, intentar enganchar a xente nova, que pode vir doutros deportes”, expresou o adestrador. Unha situación que comezou a esquecerse despois dos dous primeiros meses. E, mentres, o Turonia ía gañando os partidos. Triunfo tras triunfo. 

“Animouse máis xente e tamén compañeiras que nunca xogaran optaron por facer a ficha. Os adestradores realizaron un gran traballo de compromiso e esforzo. E, a partir de aí, chegaron os resultados e comprobamos que conseguiamos máis, aínda que a nosa principal motivación era continuar e rematar ben”, engade Monchi. E, coas vitorias, tamén incrementouse a presión propia, xa que “comezamos a ver que non perdíamos ningún partido e, ó final, xa nos poñíamos tensas. Porque unha cousa é dicir: vamos a xogar e nada máis. Logo a cousa era máis complicada e os adestradores eran os que pedían a calma, pero nós víamos que podíamos gañar e había esa presión”.

Non foi doado, ata o punto de que “as xogadoras estaban con tremores nas mans antes de comezar a xogar”, describe Álex Álvarez. “E nós tiñamos que explicarlles que non, que tiñan que saír ó campo como sempre, que se chegaba o erro non pasaba nada e despois íamos ó terceiro tempo igual”, engadiu o adestrador. Unha situación que rematou ben porque “creo que ese compromiso foi o que nos permitiu render tan ben e gañar a liga”. Non foi sinxelo porque o Turonia tivo que combinar diferentes horarios e vidas persoais, nun conxunto que “é moi heteroxéneo. Hai xente de 17 anos e, despois, algunha que está nos corenta. E misturamonos todos despois dos partidos. Está moi ben”, indica Álex Álvarez. 

Na actualidade, no Turonia hai xogadoras que veñen do fútbol, outras do atletismo, algunha do balonmán e, incluso, que non fixeron deporte antes. No caso de Monchi, “entrei a xogar ó gaélico porque xente que me coñecía sabía que estiven en fútbol sala. Faláronme do fútbol gaélico e dixéronme: hai un equipo aquí en Vigo. Non sei o que era o gaélico, pero o fútbol si. Acudín a un adestramento e xa quedei alí. Ó principio foi un pouco de tolemia polo tema das normas, pero unha vez asimilado. Todo moi ben”. 

No fútbol gaélico hai posicións, como en case todos os deportes colectivos, e, polo tanto, as características das deportistas varían en función do posto. “Este deporte é moi dinámico. Combina a man co pé”, expresa Monchi. E o adestrador Álex Álvarez engade que “mover a man e o pé ó mesmo tempo non é sinxelo. Pero si que é certo que os practicantes progresan moi rápido. Hai xente que tenta rachar liñas e chegar case ó medio campo, outra que é máis defensiva e algunha que pode ser especialista no desprazamento do balón”. 

Precisamente, ter un bo golpeo no fútbol gaélico pode ser diferencial porque os balóns son máis duros e pesados que os de fútbol. “No feminino non é sinxelo atopar a xogadoras con bo golpeo, que poidan meter gol ou puntuar pasando o balón por enriba da portería dende lonxe”, admite o preparador do Turonia. O equipo ten especialistas neste aspecto. 

Un atractivo engadido desta disciplina deportiva é a opción de xogar partidos internacionais. Vigo acolleu este ano o Trofeo Ibérico cos equipos da península e “os de Barcelona e Sevilla, contra os que xogamos, o 90% das das xogadoras eran irlandesas", explica Álex Álvarez. Mentres que Monchi matiza que “despois están os partidos da selección galega, que ten torneos internacionais e, incluso, vai ós World Games”. Ela espera que, se é posible, chegue a chamada á Irmandiña para viaxar a xogar un Europeo ou un Mundial. Particularidades do fútbol gaélico, un deporte minoritario con berce irlandés e inesperado éxito en Galicia.

Te puede interesar