challenge cup

Vinte minutos para resolver a tarde

Sandra Santiago disponse a lanzar a portería nunha acción do encontro de onte entre o Guardés e o Thun,                                                   que rematou cunha clara vitoria local.
photo_camera Sandra Santiago disponse a lanzar a portería nunha acción do encontro de onte entre o Guardés e o Thun, que rematou cunha clara vitoria local.
O Guardés, cunha excelente defensa en avanzado, iniciou o partido ante o Thun cun parcial de 11-2 para evitar sorpresas e asegurar o billete para oitavos

Vinte minutos de tormenta perfecta do Mecalia Atlético Guardés. O equipo dirixido por José Ignacio Prades asinou un comezo de encontro perfecto, de extraordinario nivel defensivo e boas decisións en ataque que resolveron o enfrontamento e, polo tanto, tamén a eliminatoria ante o Rotweiss Thun, que xa non tiña moita historia tralo 17-25 do encontro de ida, pero que quedou totalmente decidida co 11-2 de saída no pavillón da Sangriña. Clasificación para oitavos de final resolta. 
O preparador optou polo seu mellor equipo para a saída e, sobre todo, cunha mistura perfecta entre defensa e portería. O técnico local rachou os plans da formación visitante cun 5.1 con África Sempere no avanzado e Sarah Valero no centro sobre a liña. Fixeron un traballo case pefecto para evitar o ataque visitante, que tiña como principal misión o lanzamento rápido tras dous ou tres pases. Non existía conexión co pivote e tampouco liñas para a penetración. E, nas poucas ocasións que atoparon carreiros cara os seis metros, apareceu unha Carratú especialmente inspirada na portería. Ata o minuto vinte de encontro acumulaba unha eficacia por enriba do 50% e con ata tres balóns sacados a lanzamentos sen oposición nos seis metros. 
E, ante esta situación, co portal da súa portería completamente pechado, o ataque do Guardés sumou goles con frecuencia a pesar da baixa de Carmen Campos. Patricia Lima dirixiu con corrección dende o posto de central e Sandra Santiago xunto a Paulina Buforn executaron. Tamén aportou moito Valero dende a posición de pivote –a pesar de que Prades anunciou que soamente pensaba nela para a defensa– ó moverse ben para fabricar espazos para as compañeiras e, cando tivo a pelota nas mans, finalizar con solvencia. Neste contexto foron chegando os tantos da formación local ata alcanzar o 11-2 pasados os vinte minutos de encontro e cando o preparador do equipo da Guarda xa tiña decidido que a clasificación estaba resolta. Valero deixou de atacar, Estefanía Descalzo sentou a Paulina Buforn e tamén marchou ó banco Lorena Pérez para darlle minutos a Cristina Barbosa, A xogadora de Goián precisa tempo na pista. 
Tamén nese intre o preparador do Thun, Jurg Stender, despois de dous tempos mortos e protestar ós árbitros, decidiu comezar a atacar cunha xogadora de máis ó cambiar a porteira para poñer a dúas pivotes. Baixou o rendemento local e ascendeu algo o visitante para mellorar as cifras do equipo do cantón de Berna no intermedio (14-6). Tres tantos que mancharon algo a estatística dunha Marisol Carratú na portería, que ata ese momento era estratosférica. 
No inicio da segunda metade, o Guardés aínda introduciu algún troco máis para continuar co reparto de minutos. Mazza, inédita no ataque antes do descanso, tivo moito tempo de xogo e tamén sentouse Sempere para pasar a defensa 6.0 tradicional. O Thun mantivo o cambio de porteira por atacante e creou máis problemas ó Guardés ata o punto de situarse a dous goles 18-16. O partido podía estar en perigo, pero a eliminatoria xa levaba moito tempo encamiñada e os minutos servían para acumular probas e solucións tácticas para os vindeiros meses.
Nos últimos dez minutos, Prades regresou á defensa 5.1 con Sempere e Valero, que funcionou de novo, e tamén voltou a zurda Paulina á primeira liña. Cun equipo máis habitual, a formación do Baixo Miño asegurou a vitoria e en febreiro regresa a Challenge Cup. Falta por coñecer o rival.

Mecalia Atlético Guardés: 
Carratú, Sempere (3), Sandra Santiago (5), Mazza (1), Lorena Pérez, Sara Bravo (1), Fani Descalzo, Paulina Pérez (2), Patricia Lima (3), Cris Barbosa (1), Urban (3), Sarah Valero (2), Carla Gómez (1), Ezbida (p.s.)
Rotweiss Thun: 
Peronino, Gerber , Rotondo (5), Lehmann (1), Knecht, Kaeslin (3), Zumstein, Nina Gerber, Weinekotter, Strupler (1), Jana Karlen (1), Frey (2), Eberhart (2), Schmied (2), Kuskys.
Árbitros:
Filip Fahner y Lukasz Kubis, de Polonia. Amosaron cartón vermello por tres exclusións a Eberhart (min. 46). Excluíron 2 minutos a Sempere, Mazza (2), Lorena Pérez; Rotondo, Lehamann e Kaeslin. 
Parciais:
3-0, 7-2, 8-2, 10-2, 11-2, 14-6 (desc.), 14-9, 15-12, 17-14, 18-15, 20-16, 22-17.
Incidencias:
Partido da terceira rolda da Challenge Cup. Pavillón de A Sangriña, uns 400 espectadores nas bancadas. 

Te puede interesar