Deporte local

Unha vida de amor pola bicicleta

Deporte local

ciclismo

Unha vida de amor pola bicicleta

Marcial Rodríguez, na súa tenda de Castrelos, co maillot de campión de España e do histórico Clas.
photo_cameraMarcial Rodríguez, na súa tenda de Castrelos, co maillot de campión de España e do histórico Clas.
Marcial Rodríguez, campión de España máster 50 de ciclocross, foi profesional nos noventa e dirixe dúas tendas
O palmarés do Campionato de España de ciclocross celebrado en Pontevedra o pasado fin de semana tivo a un auténtico ilustre do ciclismo galego. O porriñés Marcial Rodríguez acadou a vitoria na categoría Máster 50B, pero a súa relación coa bicicleta vai moito máis ala porque comezou ós trece anos e continua na actualidade como deportista, patrocinador dun equipo e propietario dunha tenda en Porriño e a 'Que Bici' situada en Castrelos. "Para poder adestrar teño que sacar tempo da comida ou facer rodillo pola noite. Algunhas veces, a horas intempestivas", aclara. 
O maillot de campión de España conquistouno "tras volver a tomarme un pouco máis en serio o ciclocross hai uns tres anos". Non foi casualidade, porque Marci Rodríguez admite que "gustoume de sempre moito esta disciplina. Incluso a sigo pola televisión. O que pasa é que non me animaba a facer a tempada porque é en inverno e sempre chove e vai frío. A isto engádese que tiña que preparar outra bicicleta...". Así ata que hai tres tempadas "liáronme un pouco e volvín a facer unhas carreiras. No Campionato de España caín". Tamén foi ó chan o pasado ano en Pontevedra, pero no actual cruzou a liña de meta na primeira posición: "Para min é un hobbie. Anteriormente, de xuvenil, cheguei a ir a un Campionato do Mundo a Birmingham". 
Chegou na súa etapa de formación como corredor cando, chanzo a chanzo, tentaba alcanzar o ciclismo de alto nivel e incluso chegou a ser profesional. Aquela experiencia estivo lonxe de ser estimulante. "Ata non me gusta falar moito", reflexiona. "Chegou tras comezar no Spol con Horacio Barros e despois estiven no Eulen, no Cai Zaragoza, o Reynolds e o Clas. Por último, cheguei a profesionais no Vigarma de Madrid, que foi unha etapa fea. A peor na que estiven no ciclismo. Tiña dous anos de contrato e soamente fixen un. De feito, marchei eu porque non se miraba futuro e, ademais, debíannos moitos cartos. Eu tiña 26 anos e xa non estaba para perder moito tempo", explica.
O seu principal resumo foi "unha decepción profunda. Pensas que nesa categoría sería iso, máis profesional. É, ó final, estaba mellor cos afeccionados porque había moita máis organización". E tamén, aquel pau serviu para trocar de xeito definitivo a súa vida. Ingresou a unha empresa de Ponteareas "á que teño que agradecerlle moito. Incluso seguín competindo, pero en bicicleta de montaña. Quedei decepcionado coa estrada e con aquel equipo, pero non co deporte". 
Porque, Marcial Rodríguez é, por enriba de todo, unha persoa vinculada ó deporte. Pasou por todas as modalidades do ciclismo e tamén polo atletismo popular. Figura como gañador da Subida ao Castro nas súas dúas primeiras edicións e "chegou un momento que, cos anos, tiven que reducir modalidades e quedei co ciclismo porque é onde está a miña vida, tanto a nivel persoal como profesional". E, entre todas as variantes, opta polo ciclocross porque "xunto coa estrada é a que máis me gusta. Xa dende pequeno, o que sucede é que o asfalto é a disciplina raíña. Ademais, é a base das outras, para adestrar tes que facer estrada". Da disciplina sobre a terra e o lameiro destaca que "para o público é sinxela de seguir, está preto dos corredores e tamén está medrando moito". 
A competición é unha das facetas do ciclismo, pero non é a única que ten Marcial Rodríguez. "Son autónomo e levar unha tenda de ciclismo é moi difícil. Para o pequeno comercio xa é complicado hoxe en día e no noso mundo igual un pouco máis porque os trocos son moi rápidos e continuos. A reciclaxe é permanente e, se tomas unha mala decisión, rematas pagándoa". Unha realidade similar a unha carreira. "Caes e perdes tempo, pois no negocio é algo similar". O di dende a experiencia porque "tras estar na empresa de construción, déronme a opción de seguir, pero tiña que mudarme. A miña tía tiña un baixo e metinme alí". Dende aquel novo xiro persoal pasaron 22 anos e "agora miro aquilo e doume conta do inconsciente que era. Metín alí todo o que tiña e ata hoxe en día". Unha actualidade que pasa por aquel vello local e por outro, a tenda 'Que Bici' en Castrelos. "A través da marca Specialized apareceu a opción, e aquí estou dende hai unha década", reafirma Marcial Rodríguez. 
Non esquece os seus inicios e tampouco apoiar "sobre todo ás escolas, que son o futuro. Axudo no que podo. Gustaríame facelo máis, pero non sempre se pode". De feito, o pasado ano Jacobo Ucha e Roberto Mediero fixeron o calendario galego de estrada co maillot do Quebici Marcisport. "Ó final, fixeron unha gran Volta a Galicia co Vigués e o resto do ano boteilles unha man e, a verdade, é que saíulle ben tanto a eles como a nós, porque déronnos unha publicidade boa". É a vida de Marcial Rodríguez, sempre preto dunha bicicleta porque "o ciclismo deume moito".n

Más en Deporte local
Comentarios