memorial quino salvo

Sen triplas non hai paraíso

Czerapowicz (dorsal 35) trata de anotar unha canasta entre dous defensores do Alba Berlín no partido das Travesas.
photo_camera Czerapowicz (dorsal 35) trata de anotar unha canasta entre dous defensores do Alba Berlín no partido das Travesas.
O Obradoiro perde ante o Alba Berlín tras mandar no primeiro tempo e amosarse errático no tiro tras o descanso

Baloncesto de pretempada, de cambios constantes, de movemento no banco, de trocos, de minutos para os menos habituais, das probas. O Memorial Quino Salvo viviu onte todos estes elementos e tamén un enfrontamento fermoso, non exento de calidade e con intensidade porque con Moncho Fernández e Aito García Reneses como adestradores é imposible a relaxación. 
O equipo santiagués saiu á pista cun equipo que podería ser titular na meirande dos partidos deste curso e no que estaban Calloway, Vasiliedis e Brodziansky. E o encontro comezou cunha tripla do grego, pero despois chegou o apagón compostelano e malos minutos, especialmente en defensa, que obrigaron a pedir tempo morto a Moncho Fernández co 3-10 e, cando o encontro comezou a endereitarse, a mover o banco buscando intensidade para recobrar o mando do partido. Axudou o traballo santiagués na súa zona e tamén a retirada do equipo inicial do Alba Berlín pola segunda unidade. 
O equipo de Santiago xa estaba lanzado e axudouno a retirada dos mellores homes visitantes e, especialmente, a saída do campo do pivote Nnoko por Nikic, que errou dous tiros a un metro do aro. Un par de tiros libres de Spires puxeron ó Obradoiro por diante no marcador antes de chegarse ó final do primeiro cuarto (18-17).
O segundo parcial serviu para amosar un pouco máis as constantes vitais do xogo do Obradoiro deste ano. Moncho Fernández vaise apoiar nas rotacións, na intensidade defensiva e onte probou o límite dos seus xogadores e, de feito, Vasilieadis e Calloway estiveron moito tempo no banco mentres o resto do equipo trocaba as posicións, especialmente na zona exterior porque o conxunto santiagués do presente curso vaia a depender e moito do tiro de tres. Errou triplas ó comezo do segundo cuarto e, coa habitual intensidade defensiva, escapou no marcador cando entraron nos minutos previos ó descanso ante un Alba Berlín completamente atascado ata o intermerdio (33-24). Neste punto, os de Moncho Fernández acumulaban 23 lanzamentos dende máis alá do 6,75 por 8 de dous puntos. 

O terror santiagués
O descanso sentou ben ó Alba Berlín e moi mal ó Mombus Obradoiro, que volveron ó plan inicial pero a defensa comezou a sufrir con Makai e Hermannsson na dirección alemá. Moito 'pick and roll' frontal para aproveitar a súa velocidade no desequilibrio e os centrímetros de Nnoko nas continuacións e no poste baixo. Sen un defensor forte na formación de Moncho Fernández, o Alba Berlín comezou a anotar con máis facilidade e cando o Obradoiro volveu ó plan inicial das triplas, deixaron de entrar. Dúas de Calloway mantiveron o parcial, pero despois enviou dous pases pola liña de fondo e errou dende 6,75 Vasilieadis –que marchou ó banco e non volveu á pista–, tamén Pozas e Fletcher Magee por partida dobre. A isto engadiuse que a formación alemá limitou as rotacións e, por momentos, recordou que tamén sabía anotar dende lonxe. 43-52 ó final do terceiro cuarto. 
O último parcial foi un intento continúo do Obradoiro por meterse no encontro ante un Alba Berlín que xa coñecía o camiño cara a vitoria. Continuou no camiño marcado e calquera esperanza de vivir un final emoción marchou no tiro de tres santiagués. Catro convertidos e trece errados tras o descanso.

Monbus Obradoiro (18+15+10+15): 
Calloway (11), Czerapowicz, Vasileiadis (3), Brodziansky (6), De Zeeuw (6) –cinco inicial–  Spires (13), Fletcher Magee (3), David Navarro (6), Daum (7), Muñoz, Pozas (3). 
Alba Berlín (17+7+28+16): 
Hermannsson (7), Schneider (11), Eriksson (10), Cavanaugh (2), Nnoko (21) –cinco inicial–, Mason (10), Delow (5), Mattisseck, Brenneke, Nikic, Sikma (2).
Árbitros:
Pérez Pérez, Cortés Rey y Rial Barreiro. Eliminaron por cinco faltas persoais a Spires, do Obradoiro. Sen eliminacións no Alba Berlín.
Incidencias:
Partido correspondente á terceira edición do Memorial Quino Salvo de baloncesto disputado no Central das Travesas. Aproximadamente 1.500 personas nas bancadas. 
 

Te puede interesar