Deporte local

Trinta anos no mar de Meira

Deporte local

traiñeiras

Trinta anos no mar de Meira

Macey -na terceira bancada de estribor- vogou na aliñación que presentou Meira na Bandeira Illa de Samertolameu, na que exerceu de local.
photo_cameraMacey -na terceira bancada de estribor- vogou na aliñación que presentou Meira na Bandeira Illa de Samertolameu, na que exerceu de local.
"O remo é todo" para José Luis Macey, que ten 46 anos e leva dende os 16 vogando en Samertolameu 

Cando José Luis Macey subiu por primeira vez a unha traiñeira de competición, algúns dos seus actuais compañeiros non eran nin proxecto de persoa. Xa pasaron 30 anos dende aquela. Moitas regatas, moitas bandeiras, moito adestramento. Moito mar. "É onde mellor se está", proclama este ‘one club man’, que non coñece outro club que Samertolameu na súa extensa carreira. "Home, é que son de Meira", comenta con fachenda.
E así, de verde, é como viviu -e vive- o remo Macey. Hoxe, sumará unha nova entrada á súa folla de servizos, coa regata no campo de Tirán. "A ver se podemos devolverlles a moeda", di o moañés en referencia á Bandeira Illa de Samertolameu, que o eterno rival gañou hai unhas semanas. "O equipo está moi forte", expón o remeiro, que destaca que os seus compañeiros máis novos non se lle suben ás barbas. "Son bos de levar", apunta entre risas.
Porque tanto Macey como os seus compañeiros -os máis novos e os máis vellos- están moi ilusionados con poder ser campións neste man a man entre os dous barcos moañeses. E máis neste 2020 tan marcado pola pandemia. "Adestrar so na casa faise duro", recoñece o remeiro, que non é moi fan do ergómetro. "A máquina esa...", di sen moitos bos recordos de tantas sesións de adestramento baixo teito, en soidade e coa incertidume de non saber se se ía poder saír ó mar esta tempada.
Porque aí, subido nun bote sobre as ondas, o remeiro de Meira asistiu a moitas clasificatorias da Concha, gañou 85 bandeiras e vogou dous anos en ACT, onde experimentou o poderío vasco. "Alí meten moitos cartos e aquí todo son problemas", confesa o morracense cunha mistura de admiración e envexa coa paixón -e a inversión- coa que se vive o remo en Euskadi.
Se cadra, a cantidade de cartos que se move no País Vasco é imposible de igualar. Pero en canto a paixón, Macey non lle vai á zaga a ninguén. "O remo é todo para min", comenta mentras bota unha ollada ás últimas 30 décadas. Logo, vira 180 grados para mirar cara adiante. Porque inda lle queda corda. "Pensar en rematar, pero tamén en seguir", di o eterno canteirán de Samertolameu, que non se pon data de caducidade. "Inda menos mal que na casa me van deixando", bromea. Que sexa así por moito tempo máis. 

Moaña decide o billete para a Concha

  O man a man entre Tirán e Samertolameu na procura do título ligueiro continúa unha semana máis cos dous barcos empatados a puntos no alto da táboa da Liga A. Pero esta fin de semana é diferente. Trala disputa da Bandeira Concello de Moaña de hoxe (18:00) e da de Rianxo mañá (12:00) non quedará definido o campión, pero si quen acudirá a San Sebastián ó vindeiro xoves 3 de setembro para vogar na clasificatoria da Concha. A 'Champions' do remo terá, pois, un representante de Moaña. Haberá que ver se é azul ou verde. O outro, quedará á espera da respesca.
A batalla entre ambos está a ser tremenda. Tres triunfos para cada un nas seis regatas disputadas, nas que tanto "A Terca" coma a "Mar do Con" evidenciaron unha superioridade absoluta fronte o resto de barcos da Liga. Hoxe, Tirán voga como local. Pero Meira quere vinganza pola vitoria que os de Benji Vázquez acadaron na Bandeira Illa de Samertolameu. O doce sabor que deixa gañar no campo do eterno rival é directamente proporcional á amargura do que perder diante dos seus seareiros.
Pero ademais do billete para a Concha, a fin de semana podería deixar encarrilado o título no caso dun dobre triunfo dalgún dos dous contendentes. A día de hoxe, coas restriccións que hai na Coruña, non se pode disputar a regata final, o Teresa Herrera. Polo que a doble cita de Muros da vindeira semana podería ser definitiva.
O moañés porto da Mosqueira acolle tamén hoxe regatas da Liga B (17:00), trala suspensión da de Castropol, e da Feminina (17:30). Nesta última non hai en xogo postos para viaxar a Donosti, xa que irán os barcos que así o desexen. No tocante ó envite ligueiro, Tirán quere aproveitar na casa a inercia que lle deu a súa última vitoria, que a deixa a dous puntos do líder Cabo de Cruz. Meira, cuarta, e Chapela, quinta, buscan escalar posicións.
A regata de Liga B é unha nova oportunidade para que Cesantes acade por fin un triunfo. Pero Puebla está intratable, cun pleno que a encamiña directa cara o ascenso a Liga A. Chapela, pola súa banda, quere escapar do último posto. n

Más en Deporte local
Comentarios