atletismo

Sorrisos entre campións

Julia Vaquero, con vestido de flores, sentou dúas cadeiras máis atrás de Alejandro Gómez
photo_camera Julia Vaquero, con vestido de flores, sentou dúas cadeiras máis atrás de Alejandro Gómez
Julia Vaquero acudiu á homenaxe de Alejandro Gómez para amosarlle todo o seu agarimo

Alejandro Gómez e Julia Vaquero coñecen mellor ca ninguén o que comporta a verba correr. Saben, ademais, o que é facelo por unha pista lisa de tartán, pola dureza do piche ou por costentos carreiros, con lama por riba dos nocellos. No deporte, por suposto, no que son historia do atletismo galego como os seus fondistas máis sobranceiros. E na vida. Porque Gómez, que ten un tumor encefálico inoperable, recibiu o pasado sábado unha homenaxe da Federación Galega, á que acudiu pese o seu estado de saúde. E porque Julia, que alí estivo tamén, trata de tornar ás bravas correntes dos seus 50 anos de vida nun remanso máis tranquilo. Máis estable.
Como unha máis do cento de persoas que se achegaron a amosarlle a Alejandro Gómez o seu agarimo, alí estaba Vaquero, dúas cadeiras por detrás do homenaxeado, con Carlos Pérez -outro mito- entrambos. A guardesa seguiu con atención todo o acto. Bateu palmas, emocionouse, ergueuse varias veces. Viviu. Porque esa é agora a meta de Julia, que ó remate do acto compartiu verbas, lembranzas e anécdotas cos presentes. Tamén con Alejandro e os seus familiares. E sorrisos. Moitos. Porque baixo a máscara da olímpica en Atlanta 96, adiviñábase un amplo sorriso, que tamén recibiu o que escribe estas liñas. "Unha entrevista? Ai, que nervos, despois de tanto tempo", bromeaba cunha mistura de ilusión e timidez. 
"Levo superadas moitas cousas", confesa Julia. Así é. A plusmarquista española dos 5.000 metros -o 14:44.95 de Oslo segue vixente tras 24 anos-, padece un trastorno bipolar diagnosticado hai 20 anos. Con toda a problemática derivada da enfermidade, tivo que aprender a vivir Vaquero, que durante anos alternou esperanzas con desacougos, ata o punto de chegar a vivir con 369 euros ó mes de pensión non contributiva e coa axuda do COE no tratamento psiquiátrico. Agora está mellor. De novo volta sorrir baixo a máscara para confirmalo. "Coido que vou polo bo camiño para voltar a integrarme na sociedade e vivir", confesa con esperanza a guardesa. Porque agora volta a esa fase na que corría polos carreiros da súa Gándara natal sen máis obxectivo que ser feliz. Sen máis pretensión que vivir. Non hai mellor marca que esa. 

"Alejandro Gómez signifícao todo para o atletismo galego"

  Julia Vaquero compartiu moitas competicións con Alejandro Gómez. Os dous eran fondistas e os dous acadaron as máis altas cotas históricas do atletismo galego nas probas de 5.000 e 10.000 na pista e en multitude de carreiras de campo a través. "Alejandro Gómez signifícao todo para o atletismo galego. É un dos máis sobresaíntes de todos os tempos e ten unha capacidade impresionante", comentaba a guardesa tralo tributo ó Galgo de Zamáns, que Vaquero valorou moi positivamente: "Foi moi bonito"

Julia e Alejandro (e.) xunto a Estévez, Adán e De la Torre no ano 92.

Julia e Alejandro (e.) xunto a Estévez, Adán e De la Torre no ano 92.


Sobre todo porque o propio protagonista puidese gozar del xunto cos seus. "As homenaxes póstumas non se viven e esta si", analizou a plusmarquista española de 5.000. "Mais é unha situación difícil porque todo foi moi emotivo", engadiu Julia, que, iso si, viu a Alejandro "moi enteiro" durante a hora longa que durou o acto. "Coido que marcha agradecido e contento por compartir estes momentos con todos nós", reflexionou a mellor atleta galega de todos os tempos.
Gómez é o seu homólogo en masculino. O mellor fondista da historia de Galicia e así o recoñece a guardesa. "É un referente", destaca Vaquero, que considera ó Galgo de Zamáns "un espello" no que deben mirarse "todos os cativos que comezan neste deporte". 
Ademais, Julia gabou o amor de Gómez polos animais -"é a súa paixón"- e o seu traballo no canicross. "Abriu un camiño para moitos. A raíz de que Alejandro Gómez correse con cans, moitos outros se animaron", concluiu Vaquero cun sorriso baixo a máscara.

Te puede interesar