O pateador do Blusens deu a vitoria ó seu equipo cun golpe de castigo no tempo engadido ante o Atlético de Madrid

Simon, ó pé do meu amor

Miki Ramírez trata de parar o avance do segunda liña do Blusens Carlos López.
Cinco minutos máxicos, que serviron para dar a volta a un encontro duro, de moitos erros e tamén moito xogo. Porque, unha semana máis, o Blusens levou a iniciativa do encontro ante un industrial Atlético de Madrid, o paradigma de rival ordeado, defensivo e que aproveita case tódalas opcións que lle proporciona o rival.

Non obstante, e tras perder media ducia de balóns a dez metros da liña de marca contraria, Carlos López baixou un saque de lateral, cargou Tatafu e tamén a terceira liña con Monti e Pardo. Entón, Maguna optou por abrir o oval e este pasou por tódolos xogadores da liña ata que chegou ó recuncho donde Simon, agora en posición de ala, anotou o ensaio. A marca igualaba o tanteador pero ó ser pegada á liña dificultaba, e moito, a transformación. O vasco-francés pateou con firmeza e dirección pero o balón caiu a uns metros de lograr a conversión. O reloxo do árbitro establecía dous minutos para ó final do enfrontamento, pero aínda quedaba unha posesión co 18-18.

O Atlético enviou ó oval a campo contrario e o Blusens iniciou o ataque de novo, con valentía e determinación. De novo cargou Tatafu, un pesadelo para calquera defensa, e tamén a liña de tres cuartos. Chegaron as ruturas, o equipo pasou o centro do campo e, coa defensa desordeada, un dos visitantes cometeu o erro. O árbitro levantou o brazo para indicar a vantaxe. Dous balóns máis sen novidade ata parar o xogo.

A infracción estaba centrada a algo máis de trinta metros dos paus. O francés Simon tiña no seu pe o partido, coma no enfrontamento ante o Quesos Entrepinares. Naquel encontro era ser ou non ser, vitoria ou derrota. Onte era os catro puntos ou deixar o marcador en táboas.

David Monreal decidiu vivir o momento no fondo do campo, por onde tiña que pasar o oval. E seu foi un dos gritos que máis se escoitou cando o golpeo do francés enviou o balón entre paus. Vitoria no desconto, sen tempo para máis que a celebración e corredor tradicional que realizan ambos equipos. Tras un enfrontamento duro, cheo de alternativas e moitas opcións para voltear o encontro no segundo tempo, o Blusens sumou a quinta vitoria do curso para alonxarse da zona baixa da táboa. A tempada parece que toma a boa dirección de xeito definitivo.

Un partido gañado con xogo, erros e, sobre todo corazón porque, tras igualar o enfrontamento cando quedan dous minutos hai que ter fe para irse a gañalo. Despois, apereceu Simon para, a pesar das súas carencias, deixar claro que o seu é le pied de l'amour.


Blusens Universidade de Vigo:

David Redondo, Prieto, Tatafu, Carlos López, Fuentes, Alejandro Blanco 'Monti', Hayes, Pardo, Maguna, Nathan George, Simon, De Cabo, Lewis Marshall, Uruburo, David Riveiro, Uruburo. Tamén xogaron Juan Rodríguez e Borja Vera.

Atlético de Madrid:

Llanas, Soler, Salazar, Romero, Von Kursell, Miki Ramírez, Brasca, Ruíz, Armental, Iñigo Balbín, Taylor Zachary, Fernández, Deira, Vergara, De la Rosa. Tamén xogaron Philiponeanu, Torres e Ojeda.

Anotacións:

7-0, min. 2: ensaio de Hayes, que pasa Simon; 7-3, min. 4: golpe de Iñigo Balbín; 7-10, min. 30: ensaio de Ruíz, que pasa Iñigo Balbín; 7-13, min. 42: golpe de Iñigo Balbín; 10-13, min. 45: golpe de Simon; 13-13, min. 49: golpe de Simon; 13-18, min. 59: ensaio de Vergara; 18-18, min. 75: ensaio de Simon; 21-18, min. 80: golpe de Simon.

Árbitro:

Aguirre. Mostrou cartón amarelo a Ruíz (min. 84) do Atlético de Madrid.

Incidencias:

Partido correspondente á décimo cuarta xornada de liga na División de Honra disputado nun embarrado campo de As Lagoas ante uns 100 espectadores.

Te puede interesar