"Conto cada día da semana, sei que este domingo vou ter sorte", recolle a letra de Oliveira dos Cen Anos, o himno do centenario do Celta. Falando de fútbol, o partido foi en sábado e, como tantas outras veces, pouca sorte houbo, aínda que a fortuna si tivo nomes e apelidos onte porque a Invasión Celeste viviu unha nova edición e, por primeira vez, con saída dende a sede na rúa Príncipe.
O trazado, ata Balaídos, pasou polos lugares nos que se fixeron as reunións para unir ós Vigo e o Fortuna que deu lugar á entidade celeste fai cen anos e, iso si, pouco puideron fixarse na paisaxe Sergio García e Rocío Rodríguez, gañadores dunha proba prevista para 8 quilómetros, pero que tivo algún metro máis. En homes, completaron o podio Sergio Iglesias e Marcos Groba, mentres que en mulleres foi segunda Noelia Rivera e terceira Alina Tokarenko.
Tiveron o recoñecemento da bancada de Río Baixo na entrada triunfal en Balaídos porque, pouco despois, foi o momento de ver á carreira ós cativos divididos por idades. O cadro de gañadores estuvo formado por Andrea Lamas e Gael Vila, en sub-16; Martín Otero e Irene Méndez, en sub-14; Adrián Vila e Karol Rivera, en sub-12; e Adrián Alvar e Deva Pallas, en sub-10. Os pequerrechos de todo non tiñan clasificación nunha cita cun milleiro de deportistas, dos cales 419 remataron a cita de adultos.
“Cada vez que mires atrás, sempre hei estar aquí” tamén recolle Oliveira dos Cen Anos, aínda que na cuestión atlética, o realmente difícil é mirar cara adiante e non atopar a ninguén. E, polo tanto, todos detrás. Iso si, porque eres o primeiro aínda que, precisamente, o nivel dos que están nas costas son os que outorgan máis valor a calquera vitoria atlética. Agora ou en 1923