ciclismo

De regreso á felicidade

Delio Fernández gañou en 2015 no alto da Torre, a subida raíña da Volta a Portugal, que se volve a ascender nesta edición
photo_camera Delio Fernández gañou en 2015 no alto da Torre, a subida raíña da Volta a Portugal, que se volve a ascender nesta edición
Delio Fernández afronta a Volta a Portugal, carreira na que obtivo tres etapas e fixo podio
Con colores diferentes e nun equipo foráneo, o Nippo Delko, pero o moañés Delio Fernández regresa hoxe á proba na que acadou os seus meirantes éxitos e tamén "a que lanzou a miña carreira", recoñece. É a Volta a Portugal, que ten o sobrenome de 'Edición Especial', debido a pandemia do coronavirus, pero que mantén toda a súa esencia cos equipos habituais, as estrelas do pelotón luso, as localidades da carreira e o mítico alto da Torre, cos máis de vinte quilómetros de ascención. "Este ano subiremos pola misma vertente que en 2015 e creo que a notarei algo máis longa porque naquela etapa gañei", relata Delio Fernández. O ciclista gañou dúas etapas nesa edición e rematou na cuarta praza da xeral nunha proba con vitoria do seu compañeiro de equipo Gustavo César Veloso. "Son máis de 50 minutos de ascenso. Todo un porto fóra de categoría, moi duro e recordo que subimos a tope dende o principio. Eu ía pensando, así non chego ó final... Pero baixouse un pouco despois. Aínda así, xa foi longo e este ano parecerá máis", engade o moañés.
Os recordos serán moitos porque hoxe a contrarreloxo inicial é na vila de Fafe, na que Delio Fernández obtivo a súa primeira vitoria nesta proba en 2013. "Corrín un total de seis veces. A primera foi en 2008 co Xacobeo e foi a primeira volta por etapas que fixen. Aínda era un rapaz. Despois, cando se eliminou recalei en Portugal, a corrín cinco veces a nas que mellor estiven foi nas últimas, nas que chegaron as vitorias, miñas e as do equipo. Tiven que traballar, pero con certa liberdade", explica. 
Deste xeito, o cariño pola Volta a Portugal é notable. Por iso, dende hoxe estará nunha cita que será especial, pero recoñece que "a preparación é distinta e repetir os éxitos pasados é case imposible porque cando estaba nos equipos de alí, era o obxectivo do ano e para eles segue sendo. Ademais, imos cumprindo anos. Preparas todo en función da Volta Portugal. Chegas moi ben de forma, con mentalidade para facelo ben e tamén coa presión de saber que a tempada pasa por eses días. Este ano o enfoque é diferente. Estou ben, pero non realicei adestramentos enfocados aquí. A terceira etapa, que xa remata en alto, veremos ó nivel no que estamos", relata Fernández. 
Tamén afronta a cita como un veterano ós 34 anos, aínda que "moitos dos ciclista que seguen aí, xa estaban cando eu corría. E, por equipos, será a primeira vez que corra contra o Oporto, que ten tres ou catro gañadores da proba. É o máis forte". Entre eles está o arousano Gustavo César Veloso, ós seus 40 anos. Compañeiro de adestramentos en moitas ocasións de Delio Fernández. "É un animal en perigo de extinción. É moi difícil estar na elite á súa idade e continuar sendo competitivo", relata o de Moaña. 
O que si botará en falta o morracense é o público: "O que a facía especial era a xente. Había moita e este ano non permitirán as aglomeracións pola situación na que estamos. Haberá que adaptarse porque a nós tamén nos gusta competir con xente". Non troca a dureza, "son nove días seguidos sen descanso. Case non hai carreiras así en todo o calendario".n

Te puede interesar