Remo

Prado: “Unha homenaxe así é algo que chega ó corazón”

Julio Prado foi homenaxado onte no Multiusos de Chapela nun acto presidido pola alcaldesa, Digna Rivas.
photo_camera Julio Prado foi homenaxado onte no Multiusos de Chapela nun acto presidido pola alcaldesa, Digna Rivas.

A familia do remo Chapela despediu a Julio Prado, que marcha da presidencia 

Tarde de emocións, dalgunha bágoa, de anécdotas. O club de remo Chapela recoñeu onte á tarde a traxectoria do presidente Julio Prado, que tras vinte anos na entidade, a metade como máximo dirixente, deixou paso a Antonio Viaño e a familia ‘berete’ organizou un acto de homenaxe. "Son cousas que a un chéganlle ó corazón. Este acto é un tema simbólico porque xa se fixo o cambio, pero que llo recoñezan a un despois de tantos anos, parece que quere dicir que, polo menos, algo fixemos ben”, explica o xa exmandatario e engade que é polo que “fixemos polo remo, pero tamén algo pola parroquia. Polo menos, darlle a moitos rapaces unha alternativa máis de deporte e creo que o remo é moi adecuado porque ensina a traballar en equipo”. 

Ós 72 anos, Julio Prado sae da directiva, á que chegou “hai máis de vinte anos porque meu fillo era remeiro e segue sendo. Aínda que tamén o vaia  deixar porque tamén pasan os anos”, explica. E, despois de todo o traballo feito, é o momento de “deixar paso a outra xente. Remata a etapa na presidencia, aínda que seguirei axudando un pouco. A persoa que queda (Antonio Viaño) xa leva cinco anos na directiva e xa contabamos con facer este cambio”, describe Prado.

De feito, nos plans do xa exmandatario, o final da súa etapa estaba previsto para hai algo máis de dous anos, pero “saíu o proxecto de traer a Juan Zunzunegui e apostamos por profesionalizar esa parcela deportiva. Comprometinme con el e co patrocinador a seguir estes dous anos, que foron case tres. Pero é moito tempo e xa non está un para o esforzo que esixe o club. Ven xente con novas ideas, aínda que os trocos serán poucos porque a directiva, salvo eu e unha muller, segue toda”. 

Para artellar un balance, Julio Prado, remite ós datos. O club está nun gran momento deportivo porque “temos catro traiñeiras no mar. A de veteranos loita sempre pola vitoria na Liga Galega; temos o barco feminino, que ven de gañar e a mantemos, e as dúas tripulacións masculinas. Creo que é un presente moi bo e agora empezamos a tempada de bateis. Dispoñemos de barco en todas as idades, polo que o club está nun gran momento. En 2023, alcanzamos as 170 fichas, que é unha cifra moi importante no mundo do remo”.  E, no aspecto de xestión, Prado esforzouse por deixar unha herdanza sen tacha: “Era un dos temas que máis me preocupou. E o club está saneado. Quería deixalo sen débeda e tiña claro que era un punto principal á hora de saír, non quería deixar débeda á seguinte directiva”. 

Por suposto, como en toda entidade deportiva, quedan retos por cubrir e o principal para Chapela pasa por ampliar o club. En 2012, coa construción da piscina municipal, quedaron no baixo e “pasamos de ter un club moi grande, pero en malas condicións, a ter un moderno, pero que agora faise pequeno co crecemento que tivemos”. Debido a isto, unha das últimas xestións foi "comezar a falar coas institucións porque é viable ter unha ampliación, aquí no mesmo lugar”. Xa é unha tarefa para o seu sucesor, Antonio Viaño, aínda que Prado estará para axudar, como home de club e de parroquia.

Te puede interesar