Deporte local

"Poder estar nuns Xogos é un soño indescriptible"

Deporte local

RODRIGO CORRALES. Porteiro cangués bicampión de Europa de balonmán

"Poder estar nuns Xogos é un soño indescriptible"

RODRIGO CORRALES. Porteiro cangués bicampión de Europa de balonmán
photo_cameraRODRIGO CORRALES. Porteiro cangués bicampión de Europa de balonmán

O pasado venres, Rodrigo Corrales cumpliu 29 anos. Non puido ter mellor regalo este prototipo de xigante amable que proclamarse campión de Europa por segunda vez consecutiva dous días despois. É un máis dos presentes que ven recibindo do seu mellor amigo, o balonmán, que lle permitiu saír moi noviño de Cangas cara a Barcelona, gañar a vida en España, en Francia e, dende a vindeira tempada, en Hungría, levantar títulos con clubs e seleccións e, se non pasa nada raro, participar nuns Xogos Olímpicos en agosto. Todo iso coma un dos mellores porteiros do mundo. Todo iso co mesmo sorriso humilde de sempre.

Un bo presente de aniversario.
Pois fíxate! Mellor non o hai.

Que sinte un rapaz de Cangas no cumio de Europa?
Repetir ouro dous anos despois é incrible. Alédome moito de poder representar ó noso pobo, que tan grandes deportistas ten. Ter o meu oco aí faime sentir moi orgulloso.

E que sinte ese rapaz ó pensar en estar nuns Xogos Olímpicos?
Iso é indescriptible. É un soño, a competición deportiva por excelencia. Hai moito traballo detrás e, ás veces, como sucedeu hai catro anos, as cousas non se dan. Desta volta fixemos un ciclo moi bo e telo na man xa en xaneiro é incrible. Agora, a traballar para chegar con saúde e na mellor forma posible.

O 2020 apunta emocionante: ouro, rematar en París, Xogos e Hungría.
Agardo que continúe o ano nesta liña. Queremos volver gañar a Liga e as Copas co PSG, pero o que anhelamos é gañar a Liga de Campións. Nos Xogos xa veremos como chegamos e en Hungría buscar a mellor adaptación ó novo clube e conquerir novos desafíos.

Cantas cousas!
Pero por iso hai que gozar deste momento neste par de días de tranquilidade. É algo único.

En que cimentou España o ouro?
Por riba de todo, no colectivo. Hai seleccións que están un chanzo por riba de nós no individual. Por iso, sen o equipo, isto non sería posible.
Un graniño de cada un.
Repartimos ben os minutos e chegamos máis frescos ó final.

E cal é o graniño de Corrales?
Pois o que facía falla. O seleccionador sempre nos di que todos somos importantes. Comecei ben contra Letonia, seguín ben con Holanda, Austria e Croacia tamén para rematar primeiros de grupo. Teríame gustado acabar doutro xeito na final pero fico encantado de sacrificar o individual polo ouro.

Que pensou na substitución?
Foi nun tempo morto e tentei explicarlle a Gonzalo o que acontecía. Este tírame á dereita, o outro cambia... Despois, claro, pensas 'que pena non facelo mellor'. Son as cousas do deporte.

Pesa máis o nós que o eu.
Sen dúbida. Para min é un orgullo formar parte dunha selección gañadora e que o adestrador confíe en min para calquer partido. É  obvio que visualicei a final doutro xeito. Pero é unha tontería queixarse diso cunha medalla de ouro pendurada do pescozo.

Cuestión de  poñer todo na balanza.
É que ás veces analízase so o traballo que fas na selección: dez partidos. Eu, ó remate do ano, xogo máis de 60. É inxusto. Pero é cuestión de gozar cando as cousas van guay e de non afundirse cando non saen coma queres. E deste Europeo, o balance é moito máis positivo ca negativo.

Rival polo  posto e o compañeiro que mellor o pode entender. 
Como é a relación con Gonzalo?

Hai unha cousa clara: os dous queremos xogar. Non hai que ser hipócritas niso. O que pasa é que nós coñecémonos dende os 15 anos. Vivimos xuntos, estudiamos xuntos, viaxamos xuntos. As nosas parellas lévanse ben e facemos actividades fóra do balonmán. Iso xera que se aparten os egos e que se a min non me saen as cousas e a Gonzalo si, aparte de ser positivo para o equipo, eu alédome porque é meu amigo. E el igual. Axudámonos moito.
O que está claro é que o nivel é moi alto xogue Corrales ou xogue Pérez de Vargas. Ten España a mellor portería do mundo?
Dicir iso pola miña parte sería moi ousado. Estou contento co traballo que fago e valoro moitísimo a Gonzalo como porteiro. Agora, para gustos hai cores e cada un debe xulgar como lle pareza.

España demostrou que este xogo é moito máis que kilos e centímetros.
O balonmán moderno camiña cara iso. Cada vez mandan máis a altura e o peso. Pero nós adaptámonos a cada situación. Por exemplo onte, que o 5:1 non funcionou e melloramos co 6:0 e sen ser tan grandes.

Poderío mental.
Na semifinal gañábamos de cinco a Eslovenia e a xente di 'relaxástesvos ó final, que so gañastes de un'. Eu penso: 'hostia, é que os outros tamén xogan'. Estás nunha semifinal e ninguén se vai render. E do mesmo xeito non hai ninguén que vaia cinco arriba puidendo gañar de oito. É difícil, pero nesas situacións de adversidade soubemos adaptarnos. Constancia, paciencia e confianza uns nos outros. Este grupo sempre deixa de lado o egoísmo para pensar no ben colectivo.
Como pode o seu éxito e o das 'Guerreiras' relanzar o balonmán?
Sempre é importante que se fale de nós. Iso seguro que vai axudar a que o balonmán siga a medrar. A nosa responsabilidade é tentar facelo ben para atraer á xente, que medre o interese no noso deporte. Agardo que desta vez sirva para axudar a recuperar o pulo. 

O Rodri pequeno, que comezou a namorarse do balonmán en Cangas, soñaba con algo así?
O certo é que non. Como moito, viaxar un pouco, porque nunca saira do pobo. Soñaba con xogar no primeiro equipo do 'Frigo'. Cando  era cativo e comecei cos meus amigos, con Pepe Camiña, Hugo, Aarón, ó que aspiraba era a pasalo ben cada fin de semana.

O tempo fixo medrar os soños.
Claro. Cando van pasando os anos é distinto. Marchei hai 15 da casa. Sei que a miña familia e os meus amigos síntense orgullosos de min e eu o estou, e moito, de ser de Cangas. Por eses dous motivos, faime unha doble ilusión este éxito.

E ó Rodri grande, que lle queda por soñar no balonmán?
Penso que inda quedan moitas cousas. Pero o que xurda no verán neses Xogos Olímpicos penso que pode ser o máis importante. n

Más en Deporte local
Comentarios